O Mercado da Deputación, baixo a marca “A paisaxe que sabe,” terá un espazo propio na Feira do Queixo de Moeche.  A campaña provincial de promoción turístíca a través da gastronomía incluirá demostracións culinarias a cargo do cociñeiro André  Arzúa e a actuación do grupo De Ninghures

A presenza do  Mercado da Deputación da Coruña, baixo a marca “A paisaxe que sabe”, na Feira do Queixo de Moeche o vindeiro 15 de marzo é unha das moitas novidades desta oitava edición. Para detallar esta participación, a alcaldesa, Beatriz Bascoy, reuniuse na sede do organismo provincial co seu vicepresidente, Xosé Regueira, co que concretou o conxunto das actividades que se desenvolverán neste espazo.

Así, dentro do recinto feiral de Moeche, haberá unha zona propia reservada para a carpa do Mercado da Deputación na que o prestixioso cociñeiro André Arzúa -promotor do centro gastronómico “Espazo abella”- realizará varias demostracións culinarias ao longo do día. No mesmo marco terá lugar a actuación musical de peche da feira, que correrá a cargo do grupo De Ninghures, banda referencia do folk galego.

O vicepresidente da Deputación manifestou ao rematar o encontro coa alcaldesa que a Área de
Turismo “procura potenciar a conexión entre gastronomía, territorio e promoción económica e
axudar, ao tempo, a darlle visibilidade ao patrimonio cultural e as feiras de Moeche”. Reafírrmase así a implicación da institución cos produtos agroalimentarios de calidade, o impulso económico do rural e a promoción turística da provincia a través da gastronomía.

Pola súa banda, Beatriz Bascoy agradeceu a Área de Turismo e en particular a Xosé Regueira esta nova colaboración coa Feira do Queixo e a súa aposta “por iniciativas de concellos rurais, apoiando proxectos ambiciosos, importantes para poñer en valor o rural, neste caso o sector lácteo, e o produto de proximidade”. A alcaldesa subliñou que concellos  rurais como o de Moeche precisan de apoio loxístico e económico para sacar adiante iniciativas como esta, plenamente consolidada xa no calendario de eventos gastronómicos.