A nave principal de San Ramón encherase durante a xornada deste sábado 17 de decembro de actividade comercial e cultural con motivo do mercado monográfico de Nadal, que ofrecerá múltiples produtos de temporada xunto con artigos decorativos, artesanía, música, exposicións, xogos e propostas para toda a familia. Máis dunha vintena de postos daranse cita nun evento cuxo programa abrangue desde as 10:00 até as 19:00h, incluíndo tamén sorteos de lotes de produto, a apertura do circuito de educación viaria e unha merenda de balde a base de chocolate con churros. Ademais, os montes e corredoiras do concello tamén serán escenario o domingo da III Andaina e Trail Castelo de Moeche organizada polo Club de Montaña Moeche, na que se inscribiron máis de 300 participantes. Con estas dúas citas, o municipio estrea unha programación festiva que tamén ten estoutras previsións:
23 de decembro: A rapazada limpará desde o castelo até Soutogrande
O programa do Nadal iniciado co mercado vai continuar o día 23 de decembro pola mañá cunha maneira diferente de aproveitar o tempo de lecer. O Grupo de Participación Infantil e Adolescencia do CLIA desenvolverá unha xornada de limpeza colectiva e voluntaria o 23 de decembro pola mañá, desde o castelo ata a área recreativa de Soutogrande. Ao remate terán un xantar de confraternidade para celebrar todo o traballo feito ao longo deste ano, ademais do Nadal. Esta actividade a favor do medio ambiente xorde como proposta da propia rapazada e sumase á xornada de limpeza da beiras do río Grande de Xuvia que se organizará na primavera, como xa se fixera hai uns anos cun amplo grupo de voluntariado.
27, 28 e 29 de decembro: Campamento deportivo de Nadal
Como proposta a medio camiño entre o lecer e a conciliación familiar durante as vacacións escolares, o Concello volve ofrecer un campamento para a cativería de entre 4 e 12 anos que se desenvolverá de 10 a 14:00h os días 27, 28 e 29 de decembro no Pavillón Polideportivo Municipal.
Durante esas tres mañás, os nenos e nenas terán xogos cooperativos, múltiples deportes, patinaxe e todo o imaxinable para que se divirtan aprendendo e compartindo. Ademais tamén recibirán a visita de varias entidades deportivas da zona, quen lles explicarán cales son as disciplinas que practican.
As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición dándolle prioridade á rapazada empadroada en Moeche. O prezo do programa son 20€ por nena/o (incluído seguro, monitorado e merenda de media mañá), aínda que tamén se aplicarán os descontos reflectidos na ordenanza cando acudan dous ou máis irmáns/ás.
O prazo para anotarse remata o 23 de decembro, presentando unha solicitude xenérica na Casa do Concello -de luns a venres de 8:30 a 15:00h- ou ben a través da Sede Electrónica municipal. Hai máis información no Departamento de Deportes, chamando ao 981 404 006 ou enviando un correo a daniel.feijoo@moeche.gal.
Noite de Aninovo: Festa da Comisión de Festas de San Xiao-Labacengos 2023
A comisión de San Xiao-Labacengos organiza na Nave do Mercado unha festa para darlle a benvida ao 2023. Unha hora despois de comermos as uvas na casa comezará unha noite de troula con picadiscos, sorteos, consumicións a prezos populares e, como remate, o tradicional almorzo de Aninovo: chocolate con churros.
Non é necesaria inscrición previa nin reserva de entrada, que é gratuíta, abonda con achegarse por alí a partir das 01:00h con ánimo de pasalo ben.
3 de xaneiro: Festa de benvida aos Reis Magos de Oriente
Desde hai uns anos, Melchor, Gaspar e Baltasar sempre elixen Moeche para facer a súa primeira parada na comarca. Volverán, coma sempre, dous días antes das cabalgatas multitudinarias, con tempo de sobras para poder atender sen apuros todas as peticións e bos desexos das nenas e nenos do noso concello… e de toda aquela cativería e familias que queiran achegarse á Nave do Mercado na tarde do martes 3 de xaneiro.
Para recibir as Súas Maxestades como merecen, o Concello e máis a ANPA do CEIP San Ramón colaboran organizando unha festa de benvida que comezará ás 17:30h e na que, ademais de música, xogos e obradoiros, tamén haberá chocolate ben quentiño e churros acabados de facer.
Salvo imprevistos na súa viaxe, os Magos de Oriente chegarán a Moeche sobre as 19:00h e atenderán os pequenos até aproximadamente as 20:00h, ou incluso ata algo máis tarde se fose necesario.
Nadal solidario a través do programa Elfos & Calcetíns
E na relación de propostas para este Nadal, temos que falar do programa Elfos & Calcetíns, no que o Concello leva participando varios anos a través da Concellaría de Infancia. Trátase dunha iniciativa da ONG do mesmo nome coa que se pretende que ningunha nena ou neno queden sen agasallos no Nadal ou no día de Reis.
Unha elfa ou elfo é calquera persoa ou entidade que queira colaborar. Len as cartas das pequenas e pequenos e escollen entre o que piden, envolven o agasallo e entrégano nun punto elfo. Deste xeito todos os elfos collemos os regalos e axudamos despois no reparto. E o calcetín, quen é?, un neno ou nena- nalgúns casos persoas adultas- a quen unha Elfa ou un Elfo lle fai chegar un agasallo. Toda a información sobre como participar atoparédela na web elfosycalcetines.org.
Últimos comentarios