A borrasca Fabien fíxonos unha faena o sábado causando múltiples incidencias en todo o territorio e obrigándonos a suspender, por razóns de seguridade, o Mercado do Nadal que se ía celebrar en San Ramón durante toda a xornada. Porén, todo ten amaño e por iso o Goberno Local decidiu onte á tarde trasladar a programación para o sábado que vén, día 28, aínda que concentrando a oferta pola mañá e con algunhas modificacións, como son a substitución do obradoiro de chocolates para a rapazada por outro de manexo de drons e a supresión por problemas de axenda do taller de maxia e globoflexia, que pasará para outra data. Polo demáis, todo igual: moita oferta en alimentación, en artesanía e en propostas de lecer que se complementarán con sorteos de produtos sobre as 14.00h.

O mercado arrancará, coma sempre, sobre as 10 da mañá. A diferenza que máis notará o público asistente será a grande variedade de artigos á venda debido precisamente ao incremento do número de expositores. Se os repasamos todos atoparemos que en alimentación estarán os habituais: o posto de peixes e mariscos, a Panadería Santa Cruz, Supermercado Laura, Luís Sanjurjo, Acastrexa e Ecotés– a quen se lle engaden o sábado Embutidos Suarna, Queixos Prestes, Mel das Grañas e, para petiscar, Pulpería Carmiña e a Churrería Carlos Blanco, ademais de estar aberta a cafetería da nave. Con respecto ao mercado do sábado pasado só faltará, tamén por problemas de axenda, Chocolates Moreno.

Ao apartado de artesanía acudirán con coiro Ana y Marcus e Tucán; Fátima Grandal coas súas figuriñas modeladas e pintadas á man; Artesanía Bypi cunha chea de pulseiras e bixutería entre as que escoller; As Tres Lolas da Cascarilla coas bonecas de plana de millo e, tamén con bonecas pero de trapo, Tecrima. Completan os puntos de venda a tenda de flores e agasallos La Feria -outra das fixas no mercado-, a mercería Leticia Padín, a libraría Brétema e a firma Econatur, cun amplo catálogo de produtos de hixiene e cosmética de orixe natural.

Relacionado con este ámbito, o artesán, durante o Mercado do Nadal de Moeche poderemos ver unha exposición da Asociación de Amigos da Madeira das Pontes e incluso presenciar en directo o traballo de dous dos seus membros. Volve tamén a ANPA do CEIP San Ramón para vender xoguetes de segunda man en perfecto estado cos que recadar fondos para as súas actividades.

As propostas paralelas de animación do mercado comezarán ás 11.30h. cun Showcooking para persoas adultas de hora e media de duración no que unha chef ensinará como elaborar un menú composto de entrante e prato principal. Ao remate probaranse todos os pratos preparados. As prazas son limitadas e haberá que inscribirse de balde a partir das dez da mañá.

Á mesma hora tamén estaba previsto un obradoiro de chocolates para a rapazada que, ao non vir Chocolates Moreno, será substituído por unha clase de manexo de drons.

A seguinte cita está posta para as 13.00h., cando actuará o grupo Alxibeira pertencente ao Padroado da Cultura do Concello de Narón. Tan pronto como rematen -sobre as 14.00h.– farase o sorteo de tres lotes de produtos do mercado entre todas aquelas persoas que fixesen algunha compra ao longo da mañá. Entre os cativos e cativas que participasen no obradoiro de drons tamén se rifará unha cesta cargadiña das cousas que máis lles gustan.

En resume, o sábado dos Inocentes hai en Moeche unha fantástica oportunidade para dar unha volta polo mercado, para facer acopio de materia prima para a cea de fin de ano e para conseguir a bo prezo detalles cos que agasallar á familia. Ata poderemos facerlle chegar a carta aos Reis Magos -que a Moeche chegarán o día 4 á tarde-  entregándolla en man aos paxes que andarán pola nave toda a mañá.