Vai camiño de converterse en tradición que o mercado dos sábados que caia máis cerca da Noiteboa e o Nadal se encha de produtos típicos, a maiores das delicadezas que alí podemos atopar o resto das semanas do ano en forma de pan, empanadas, doces, froita, hortalizas, peixe e marisco fresco, artesanía e agasallos. O Mercado de Nadal de Moeche vaise celebrar o sábado 18 de decembro, e coma en anos anteriores, tamén contará actividades paralelas para toda a familia que lle impriman un ambiente aínda máis festivo e de lecer.

Empezaremos pola mañá, a iso das 10.00h, coa apertura dos postos habituais aos que se lle engadirán algúns máis que incrementen a variedade da oferta, principalmente en canto a produtos de temporada. É o caso das chacinas e embutidos de Navia de Suarna ou das elaboracións de chocolate de Bombóns Moreno, quen nos traerán entrantes da matanza e exquistas sobremesas para ilustrar os menús dos días seguintes, elaborados con toda a calidade que podemos atopar no mercado.

Ademais de encher a cesta da compra, en Moeche tamén poderemos mercar eses detalles que nos axuden a vestir a casa para o Nadal ou mesmo aqueles cos que agasallar a familiares e amizades. De todo iso -flor, coiro, artesanía, madeira, cerámica,decoración, libros,…- haberá abondo onde escoller e para todos os gustos e petos.

Con cada compra que fagamos recibiremos un boleto para participar no sorteo de lotes de produtos que se desenvolverá ao remate do mercado, tras unha intensa xornada cargadiña de actividades.

Programa completo

10.00h Apertura dos postos e dos recunchos con exposicións e oficios artesáns:

  • AVV Val de Moeche coa exposición de cestaría e artesanía en madeira e dos traballos do grupo de costura.
  • Asociación Amigos da Madeira das Pontes, que achegará unha escolma do seu traballo e explicará ao vivo o proceso de torneado
  • Mostra de encaixe de bolillos con pezas de Rosa Méndez, quen estará palillando durante a xornada.
  • ANPA do CEIP San Ramón cun posto solidario de libros e xoguetes de segunda man.

11.30h Obradoiro de bombóns e chocolates da man de Chocolates Moreno, para a rapazada. Prazas limitadas. Inscricións o propio día do mercado

12.30h Apertura circuíto de educación viaria (sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan)

16.30 h Obradoiro artístico de Nadal . Público infantil. Prazas limitadas. Inscricións o propio día do mercado

17.00 h Exhibición das escolas de danza estética, hip-hop e baile moderno da Asociación Cultural Brío

18.00h Maxia @Temporal, co mago Charlangas. Humor e números espectaculares con cartas, bólas, moedas… nunha viaxe na que acompañaremos ao mago -convertido desta vez nun científico tolo- á procura dun tesouro

19.00h Peche da feira cos sorteos de Nadal: 1 cesta infantil, 2 lotes de produtos do mercado e bonos para gastar no comercio local -comercio e ,alimentación)-, fóra do mercado.