Os mercados dos sábados en Moeche son sempre unha boa oportunidade para atopar todo tipo de produtos frescos e elaborados, artesanía e outros artigos, sen contar que tamén son un aliciente máis para vir dar unha volta por Moeche. Porén, o do sábado 17, ás portas das festas, promete ser aínda máis atractivo por causa do grande e variado número de postos que acudirán e polas actividades paralelas que se van desenvolver no recinto comercial desde pola mañá até a noitiña. Sorteos, música, exposicións, a apertura do circuíto de educación viaria e un espectáculo familiar son as máis destacadas do Mercado de Nadal 2022.

A cita natalicia do mercado caracterízase un ano con outro pola grande variedade de produto dispoñible e da máxima calidade, sobre todo aquelas cousas que se adoitan poñer nas mesas en xantares e ceas da Noiteboa e o Nadal. Dos 23 postos que confirmaron a súa asistencia, case a metade son precisamente de alimento fresco ou elaborado.

Na nave estará aberta a peixaría; teremos pan, empanadas e doces da panadaría de Santa Cruz; verduras e queixos de Bardaos; as exquisiteces de Chocolates Moreno (Ribadeo); mel das Grañas; chacinas da alta montaña traídas por Embutidos Suarna; máis queixos, neste caso de San Simón, elaborados por Don Gabino; a variedade que se pode atopar na tenda naronesa Do País, produto galego; e, como novidade, as especialidades tan tradicionais de Galifreixós e as gustosas cervexas artesás de Augas Santas, que incluso poderemos probar de barril. Ademais, no exterior tamén encontraremos os churros acabados de facer de Churrería Carlos Blanco e, ademais, tamén abrirá a polbería Claudina para quen queira xantar un bo polbo ou churrasco.

A actividade no mercado do sábado 17 de decembro iniciarase ás 10:00h, xuntando ademais outros 13 postos dedicados a artesanía e exposicións. De par das cousas para levar á boca, alí atoparemos obxectos decorativos e detalles cos que solucionar os agasallos que traerán o Apalpador, Papá Noël ou incluso os Reis: coiro, bolsos, complementos, figuriñas, candeas, pinturas e acuarelas, produtos derivados do cánabo, etc.

Neste apartado, a Asociación de Amigos da Madeira das Pontes achegará unha escolma do seu traballo, explicará ao vivo o proceso de torneado e agasallará á rapazada con buxainas para que poida pintalas e brincar con elas. Pola súa banda, a AVV Val de Moeche mostrará o libro “Moeche na memoria” editado recentemente pola entidade.

Outro colectivo que tamén estará presente no mercado é a ANPA do CEIP San Ramón co seu posto solidario de xoguetes usados  cos que recadar fondos para a festa de Reis. Poden facerse doazóns, sempre que estean en boas condicións, deixándoas na escola ou entregándoas na clínica Fisio-Che Ben ata o xoves 15. Os xoguetes e libros que non vendan destinaranse a familias con poucos recursos.

Na relación de entidades do territorio que acudirán ao mercado tamén cómpre mencionar o Club de Montaña de Moeche, quen terá un pequeno posto para a venda de camisetas e a retirada dos dorsais para o III Trail e Andaina Castelo de Moeche que se desenvolverá ao día seguinte, o domingo 18 de decembro. As inscricións poden facerse até as 23:59h do luns 12 de decembro a través da web de Galitiming.

E, alén da parte comercial e expositiva, múltiples actividades e sorteos durante practicamente todo o día. Pensando no público familiar, a partir das 11:30h  estará aberto o recuncho de xogos tradicionais e populares galegos, deseñado para que nenas e nenos, na compaña de papás e mamás e avós e avoas, compartan e descubran en calquera momento da xornada os enredos de toda a vida. Unha hora despois, ás 12:30 haberá un pequeno concerto de zanfonas ofrecido por “Xemelgas” e ás 18:00h empezará o espectáculo de humor, malabares e clown “MeRe-cidamente”, con David Merelas metido no papel dun artista algo torpe que, porén, arrancará unha chea de risas con números certamente abraiantes. Se o tempo o permite tamén abrirá ás 12:30h o circuíto de educación viaria, coordinado como vén sendo habitual polas nenas e nenos do Consello Local da Infancia e a Adolescencia.

Quen acuda ao Mercado de Nadal de Moeche recibirá con cada compra unha papeleta para participar en dous sorteos, o primeiro ás 14:00h -dous lotes de produtos do mercado e dous bonos para gastar en establecementos do territorio- e o segundo ás 19:00h, coincidindo coa clausura do evento, no que se rifarán outros dous lotes de produto e unha cesta para a cativería. Ademais, ao longo da tarde –desde as 17:00h– tamén se servirá de balde chocolate con churros.