Este sábado -igual que todos os sábados- volve abrir as súas portas o Mercado de Moeche para ofrecer unha grande variedade de produto local a bo prezo. A data cadra co 181 aniversario do nacemento de Rosalía Castro, nai do rexurdir do galego para a literatura e adiantada ao seu tempo pola mensaxe en feminino que zumega a súa escrita. Para lembrar a súa figura, o Concello reservou un espazo do mercado no que poderemos ver todos xuntos os fondos da biblioteca municipal referidos á autora. Ademais, durante a mañá tamén se entregará con cada compra unha flor e un marcapáxinas conmemorativo.

O 24 de febreiro está de aniversario Rosalía Castro. Muller e escritora. Poeta de saudades que creou todo un universo de sentementos marcada, quizais, pola súa orixe ilexítima e pola sombra ás veces demasiado escura que sobre ela proxectaba o seu marido, Manuel Murguía.

O tempo fíxolle xustiza como creadora tanto en galego como en castelán, e tamén como muller que se rebelou a través da poesía contra unha sociedade opresiva e represora do xénero feminino. Unha muller que teceu soa a súa tela vital, tal e como escribiu en Follas Novas, e que lanzou mensaxes ás veces claras e ás veces veladas sobre a súa terra, Galicia, sobre a muller e sobre o patriarcado que aínda hoxe perviven frescas e actuais.

O Concello de Moeche quere honrar a súa figura cadrando cos 181 anos do seu nacemento “facendo un xesto sinxelo que recoñeza o seu valor como impulsora do rexurdimento literario do galego, pero tamén como precursora do ideario feminista que aínda agora estamos empezando a descubrir cunha lectura máis detida da súa obra”, explica Beatriz Bascoy.

A coincidencia do aniversario en sábado de mercado levou ao Concello a promocionar o descubrimento rosaliano reservándolle un pequeno espazo no recinto rehabilitado recentemente. Alí poderanse ver todos os fondos da biblioteca municipal relacionados coa escritora: obras da súa autoría, coleccións comentadas, tratados, biografías, etc. “Aproveitamos o día para por en contacto á xente coa obra de Rosalía e, de paso, recordar que en plena era da tecnoloxía os libros aínda existen. As obras dela e doutras autoras e autores en galego deben saír á rúa e non quedar confinadas nos andeis dunha biblioteca ou nos caixóns onde se gardan os libros que tiñamos que ler na escola “, sinala a concelleira de Cultura, Iria Couce.

Xunto co mostrario dos fondos bibliográficos sobre Rosalía, o Concello tamén agasallará cunha flor e un marcapáxinas a todas as persoas que fagan algunha compra no mercado onde, por certo, volverá haber alimentos frescos e elaborados das explotacións da zona; pan e doces; queixo, embutidos, afumados e salgados; peixe fresco e moitos máis produtos a bo prezo.

A esta combinación de cultura e actividade comercial referiuse a rexedora local apuntando que “esa é a filosofía que queremos poñer en práctica nestas novas instalacións, un mercado que sirva para poñer en valor os nosos produtos de calidade e dinamizar a economía local, pero tamén un espazo no que reivindicar a creación e o noso patrimonio inmaterial”.

O Mercado de Moeche abre todos os sábados -agás festivos e días de feira- entre as 9 e as 14.00h. e, xunto cos produtos á venda, adoita ofertar obradoiros, degustacións e outras actividades paralelas en colaboración cos postos expositores e coas entidades do municipio.