O Concello  abrirá o sábado pola mañá a recentemente remodelada nave dos tecidos da feira, convertida desde agora en espazo multiusos e, principalmente, en mercado de proximidade  no que atopar todo tipo de produtos locais de calidade. O Mercado de Moeche inicia a súa actividade con oito postos e unha periodicidade semanal centrada na comercialización de alimentos frescos da zona, pero tamén na artesanía e en propostas paralelas como as degustacións gastronómicas ou a organización de espectáculos ao vivo. O recinto, que estará aberto todos os sábados de 10 a 14.00h., inaugurarase ás 12.00h. nun acto ao que asistirán representantes do Concello, da Xunta e da Deputación da Coruña, as tres institucións implicadas tanto na rehabilitación do espazo como no desenvolvemento do proxecto comercial que vai acoller.

O obxectivo municipal con esta actuación é  poñer en marcha unha nova canle a través da que darlle saída á produción local e, ao mesmo tempo, converter o mercado nun referente onde se dean cita o sector agroalimentario e a clientela pontencial de toda a volta. Segundo a alcaldesa, Beatriz Bascoy, a iniciativa pretende “dinamizar a economía prestando especial atención á comercialización dos produtos locais e autóctonos, facilitándolles aos pequenos produtores un espazo agradable e ben equipado que sirva de punto de encontro coa veciñanza e tamén con quen visita Moeche”.

O proxecto ten dúas partes. Dunha banda remodelouse a antiga nave dos tecidos da feira cun investimento de 80.000 euros achegados pola Deputación da Coruña dentro da liña de créditos do POS+. Con estes cartos acometéronse obras de mellora da accesibilidade e de acondicionamento do entorno, ademais de pintar a nave, substituír canalizacións, instalar varandas no exterior e dotar o recinto de equipamento como conexión wifi e megafonía.

Por outro lado, o Concello levou a cabo a parte de dinamización comercial cifrada en 97.000 euros, subvencionados nun 61% pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo mentres que o 39% restante corresponde coa parte municipal, financiada tamén con cargo á liña crediticia do Plan Único de Concellos da Deputación.

O montante total dedicouse á preparación como mercado dunha superficie de 450 m2 -arredor dun terzo da nave-, onde se colocaron 24  expositores móbiles que poden agruparse en distintas posicións para dar cabida a entre 8 e 12 puntos de venda. O lugar conta tamén cunha zona de bar onde realizar todo tipo de degustacións gastronómicas e cun pequeno escenario que complementará a actividade comercial con música e outras propostas culturais.

No día da súa estrea -este sábado a partir das 10 da mañá- o novo mercado de proximidade contará cun posto de verduras e legumes, outro de queixos e produtos lácteos, un de pan e doces e outro de embutidos. Haberá tamén un punto de venda de peixe, outro de flores e agasallos e un posto de artesanía, que será rotatorio en función da demanda. O Concello reserva para uso propio outros dous expositores, que se utilizarán para expor “produtos de interese local ou veciñal”, tal e como explicou Beatriz Bascoy.

A alcaldesa referiuse tamén a como se vai xestionar o novo espazo comercial. Abrirá todos os sábados entre as 10 e as 14.00h. e os postos regularanse segundo a ordenanza municipal de mercados. Porén, no caso do recuncho gastronómico e da peixería, o Concello prevé facer unha licitación para adxudicar os espazos cun prazo máis longo “polas peculiariedades da súa explotación”.

Beatriz Bascoy agradeceu “a implicación e as achegas ao proxecto” que fixeron os produtores e produtoras da zona e mostrouse esperanzada en que o Mercado de Moeche “axude a poñer en valor os nosos produtos e a crear un circuíto de venda sostible, capaz de manterse por si, baseado no coñecemento e na confianza mutua entre quen produce e quen compra”.

A rexedora local engadiu que o mercado tamén  abre novas posibilidades para o turismo “ofrecendo un argumento máis para achegarse ao noso concello”. Neste sentido Bascoy lembrou que, ademais de alimentos e artesanía, o mercado “completarase en ocasións con música e outras artes, de maneira que se trascende o  cometido puramente comercial para integrar tamén o cultural”. “Queremos que o noso mercado semanal sirva para algo máis que para comprar calidade, queremos que sexa unha experiencia en si mesmo e un complemento para as feiras do 11 e do 23”.

A inauguración, este sábado
A primeira desas experiencias vivirase este sábado, día 30, entre as 10 e as 14.00h.., aínda que a inauguración oficial está prevista para as 12.00h. coa presenza da Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, da Directora Xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e da alcaldesa, Beatriz Bascoy, ademais de representantes da corporación municipal e do tecido asociativo do concello.

A parte musical correrá por conta da agrupación “Os feroces da Galgueira”, das Pontes, que estrearán o escenario do novo Mercado de Moeche cun repertorio tradicional e festeiro.