O Pleno da Corporación municipal debaterá a primeira hora deste venres as contas polas que se rexerá o Concello durante 2018. O equipo de goberno presenta unha proposta cifrada en 1.811.225€ que, segundo destaca o executivo local, mantén e mesmo incrementa nalgúns capítulos o nivel de investimento e de prestación de servizos á veciñanza. De feito, o Capítulo II dos gastos -onde se reflicten os gastos en bens correntes e servizos- sobe máis dun 13% e quedará fixado en 645.600 euros. Unha cifra moi semellante -632.300 euros- será a que se destine neste exercicio a investimentos reais, centrados na mellora da rede viaria municipal, na ampliación dos abastecementos de auga e da rede de sumidoiros e noutras obras coas que, entre outras cuestións, se pretende continuar rebaixando o gasto enerxético e acondicionar distintos equipamentos municipais.

O orzamento municipal é unha previsión de gastos, pero tamén da capacidade dun concello para xerar ingresos suficientes cos que cubrilos. Ambas cifras deben coincidir e o máximo expoñente da boa xestión é cumprir con esas previsións levando adiante todas as actuacións que se puxeron no papel e polos importes calculados inicialmente. O normal é que haxa desviacións tanto nos gastos como nos ingresos, pero o ideal é que estas sexan mínimas e que, en calquera caso, o orzamento presente unha situación equilibrada e realista onde casen as necesidades do territorio e a capacidade da administración para satisfacelas.

Con este punto de partida -semellante ás contas que bota calquera familia para defender a vida- Moeche presenta un orzamento que sitúa os ingresos en 1.811.225€ onde os apartados cun maior peso son as transferencias correntes -as achegas doutras administracións, como por exemplo a participación nos tributos do Estado- e as transferencias de capital, que son aquelas axudas e subvencións recibidas polo Concello para obras e prestación de servizos, como é o caso do POS+ provincial.

Estes dous apartados suman 1.169.000 euros e supoñen o 64,5% dos recursos cos que contará o municipio ao longo do ano. O 35,5% restante ata chegar á previsión dos 1,8 millóns de euros de ingresos repártese entre impostos directos e indirectos, taxas e prezos públicos, que se manteñen en niveis similares aos do exercicio anterior. “Os ingresos do orzamento seguen a liña do ano pasado, debido en boa medida a que aínda hoxe non sabemos cal vai ser a achega estatal debido á falla de acordo parlamentario para sacar adiante os orzamentos. O que si sabemos é a achega da Deputación a través do POS+, uns 360.000 euros, onde este ano optamos por non recorrer á opción do crédito provincial para non sobrecargar a débeda municipal. Ademais, tampouco hai aumento impositivo de ningún tipo e mesmo se rebaixa o IBI rústico, aínda que si se prevé unha maior recadación neste apartado, entre outras razóns, polo aumento de persoas usuarias nos padróns do lixo, da auga e dos sumidoiros”, explica Beatriz Bascoy.

Ao falar de gastos, desde o goberno municipal explícase que a redución orzamentaria con respecto a 2017 vén motivada por dúas circunstancias: unha é, igual que nos ingresos, a decisión de non acudir ao crédito provincial -que suporía uns 116.000 euros que logo habería que devolver-, mentres que a outra se xustifica no feito de que en 2017 se levaron a cabo obras de exercicios anteriores que non estaban rematadas e nalgún caso tampouco adxudicadas pero que, porén, incrementaron o volume total das contas do ano pasado.

De cara a 2018 o gasto de persoal ascenderá a 451.425 € -case o 25% do total -, que responden a un incremento no cadro de persoal -e tamén nas horas- do Servizo de Axuda no Fogar e do departamento de Obras. Os gastos de funcionamento e servizos municipais sitúanse en 645.600 -o 35,65%-, que supoñen un aumento do 13,38% con respecto ao anterior exercicio. Segundo Beatriz Bascoy, este incremento “atende á máis que segura alza nos prezos da luz e dos combustibles, pero tamén á prestación de novos servizos como a limpeza de zonas verdes, a elaboración dun estudo para unha nova captación do abastecemento de auga, a redacción obrigatoria da RPT, seguir coa ordenación da feira, o mantemento do campo de fútbol, etc”.

Por outra banda, desde o goberno ponse o acento na dotación para transferencias correntes, onde se acomodan as axudas a entidades e familias, así como a outras continxencias. Destinaranse a este cometido un total de 53.900 euros, unha contía lixeiramente inferior á de 2017 xa que, tal e como asegura a alcaldesa, “axustouse o importe global de acordo coas cantidades asignadas no anterior exercicio. Trátase de axeitar a previsión á demanda real e evitar que queden fondos sen adxudicar”.

O último grande bloque do orzamento que se somete a pleno este venres ás 8 da mañá é o relativo aos investimentos reais, é dicir, a execución de obras. A reserva reflectida nas contas sitúase nos 632.300 euros, sufragados con transferencias de capital e con recursos propios. A cifra supón o case un 35% do total dos orzamentos e na relación de obras que se van executar figuran unha vintena de proxectos entre os que destacan polo seu importe a sustitución do alumeado ao longo da AC-862, a mellora das condicións lumínicas dos accesos á feira e a continuación dos traballos de rehabilitación do recinto, a construción do saneamento en Mil de Abaixo (Abade), as beirarrúas en Balocos, a sustitución de marquesinas, o peche de colectores do lixo ou o desenvolvemento de varias actuacións na rede viaria municipal.

Para o goberno municipal as contas de 2018 caracterízanse “polo mantemento do esforzo inversor e a prestación de servizos públicos de calidade sen recorrer ao endebedamento nin á suba de impostos á veciñanza”. En palabras de Beatriz Bascoy, o documento orzamentario “é realista e equilibrado” e reflicte “un programa de xestión que atende en boa medida a peticións e proxectos suxeridos pola xente”.