A nave do Mercado de Moeche acollerá na tarde deste sábado, a partir das 16:00h, o III Open de Dominó organizado pola Asociación Recreativa Deportiva CVM, integrada por amantes deste deporte-xogo dos municipios de Cerdido, Valdoviño e Moeche. Tralo parón obrigado da pandemia, o petar das fichas volverá soar nunha cita adaptada ás medidas preventivas que, ademais, é clasificatoria para o Campionato de España 2021. Para anotarse ou solicitar máis información sobre o aberto hai que chamar ao 636 110 492. A inscrición ten un prezo de 20€ por persoa.

O Open de Dominó disputarase cun formato reducido para encaixalo no horario de tarde, de modo que en vez de xogarse a 7 partidas a organización optou por concentralo en enfrontamentos a 4 partidas (ata 350 puntos) dentro dun tempo máximo de 55 minutos.

CVM prega puntualidade para iniciar o aberto e no seu posterior desenvolvemento, tendo en conta ademais que a normativa federativa para este tipo de competicións prevé penalizacións no caso de que se produzan retrasos.

O Concello de Moeche colabora coa entidade cedendo o recinto e tamén cos premios.  Haberá trofeo para as tres primeiras parellas calsificadas. Ademais, quen formen parte do CVM ou do Club Pito Doble -outro dos referentes da zona- tamén optarán a levar cadansúa paletilla.

Durante todo o desenvolvemento do aberto será obrigatorio o uso da máscara, xunto co uso de xel hidroalcólico e a desinfección de mesas e material entre partidas. Tamén fará falla ocupar máis espazo da nave para asegurar as distancias entre mesas e, da mesma maneira, desde o Concello prégase a máxima responsabilidade individual poñendo en práctica todas as recomendacións preventivas.