O Pleno do Concello de Moeche someteu a votación este mércores a proposta da Mesa de Contratación para adxudicar o contrato das obras da nova captación de auga municipal. Á licitación pública presentáronse tres empresas: Hordescon, Construcciones Mantiñán e Construcciones Guerreiro. Foi esta última quen achegou a oferta ganadora, por un importe de 281.394,66€, IVE incluído, que se cofinanciarán nun 80% a través dun convenio asinado en agosto coa Deputación da Coruña. O proxecto -denominado “Melloras no abastecemento de Moeche. Captación e impulsión a depósito existente” é, posiblemente, a infraestrutura básica “máis importante e trascendental de todas cantas se levan executado no municipio nos últimos anos”, posto que mellorará a calidade do servizo, permitirá ampliar a subministración a máis lugares e reducirá os custes de mantemento. A obra tamén servirá para poñerlle fin á dependencia histórica do abastecemento das Somozas, a quen Moeche lle vén pagando “a auga máis cara de toda Galicia” desde hai máis de dúas décadas. O acordo de adxudicación das obras, que se executarán nun prazo de tres meses e medio, saiu adiante cos votos a favor dos cinco concelleiros e concelleiras do BNG presentes na sesión e a abstención da única representante do PP que acudiu ao Pleno.

A ratificación plenaria era o último paso que faltaba para darlle luz verde ao inicio dun proxecto que comezará a facerse realidade previsiblemente despois de Reis. Van aló varios meses de traballo “prioritario” do Executivo local centrado, en primeiro lugar, en atopar auga de boa calidade e en abundancia nunha cota do territorio que fixese viable o futuro abastecemento e, en segundo lugar, en buscar financiamento para acometer tanto as obras de captación e bombeo como as de condución até o depósito municipal.

A resposta á cuestión da cantidade e calidade da auga obtívose, despois de facer varias sondaxes, en dous terreos de Santa Cruz que cumprían ambos requisitos, un que xa era de propiedade municipal e outro ao seu carón mercado en 2021 polo Concello cun investimento de 3.000 euros, aos que se engadiron os custes das catas arqueolóxicas requiridas por Patrimonio. Os traballos de prospección á procura de auga contaron con apoio de Augas de Galicia, igual que a redacción e deseño do proxecto do novo abastecemento.

Porén, a resposta do financiamento para a infraestrutura de captación e bombeo “que non podiamos asumir nós en solitario”, apunta Beatriz Bascoy, tardou máis en resolverse. O Concello dirixiuse á Deputación e obtivo o compromiso “case inmediato” de participar economicamente nas obras, cuantificadas no proxecto en máis de 305.000 euros dos cales o ente provincial asumiría uns 245.000 e os 60.000 euros restantes debería poñelos a Administración local. O acordo materializouse en agosto pasado por medio da sinatura dun convenio nominativo.

O Concello tamén falou coa Consellaría de Territorio e Infraestruturas para tentar implicala no financiamento do proxecto. “Solicitei unha xuntanza coa conselleira Ethel Vázquez e, tras un tempo de espera, houbo por fin un encontro no que lle expliquei que a Deputación ía colaborar, ademais de propoñerlle que a Consellaría botase unha man cos 60.000 euros que debía afrontar o Concello. A resposta foi que só participarían se o investimento era a partes iguais, 100.000 euros o Concello, 100.000 euros a Deputación e outros 100.000 euros a Xunta, cando é sabido que o Goberno autonómico ten suscrito acordos a dúas bandas con outros concellos sen que houbese maior problema. Ao final tivemos que quedar coa opción da colaboración da Deputación da Coruña, de modo que o Concello asumirá o 20% final de adxudicación, que son 56.278,93 euros”.

Con proxecto redactado e financiamento comprometido, o Concello de Moeche lanzou unha licitación pública á que se presentaron tres empresas: Hordescon, Construcciones Mantiñán e Construcciones Guerreiro. Esta última resultou adxudicataria das obras cunha oferta de 281.394,66 €, IVE incluído, e un prazo de execución de tres meses e medio. A captación -xunto cos equipamentos de impulso- permitiralle a Moeche contar cun abastecemento de auga propio e amplialo, dentro do mesmo proxecto, aos lugares do Retorno, Soomonte e Amosa. Posteriormente tamén se levará á Senra, Vilazanche, o Tellado e outros puntos do territorio a onde era imposible que chegase co actual sistema, dependente da rede das Somozas.

De feito, rematar con esa dependencia e cos custes que implica en avarías e prezo da auga será outra das vantaxes da nova infraestrutura.
“O noso abastecemento está conectado á rede das Somozas en virtude dun convenio asinado no seu día polos daquela alcaldes dos dous concellos. Por culpa dese acordo estamos pagando o metro cúbico de auga a 0,60 euros, o prezo máis alto de Galicia,  e a maiores temos que pagar tamén o bombeo, o que vén supoñendo a finais de ano uns 55.000 euros por un ben básico que, neste caso, entendemos que debería cubrirse só cos custes de bombeo e de mantemento. Ademais tamén soportamos roturas a cada pouco por culpa dos excesos de presión e das deficiencias nas conducións, que pouco a pouco estamos substituíndo para modernizalas”, explica Beatriz Bascoy.

A alcaldesa de Moeche cualificou o proxecto que comezará a executarse en breve como “un dos máis importantes e trascendentais de todos cantos se levan feito no municipio nos últimos anos”, tanto en termos económicos como nos do seu “retorno e beneficio social”, xa que lle permitirán ao consistorio “mellorar o servizo e seguir ampliándoo dunha maneira máis eficiente”, ademais de “rebaixar considerablemente os seus custes”.