Os municipios da comarca andan estes días ultimando os proxectos que se acollerán ao financiamento do Plan Único da Deputación da Coruña que, no caso de Moeche, foron aprobados polo Pleno no serán deste mércores por unanimidade. O Goberno local preparou cinco grandes actuacións centradas na mellora da rede viaria e na seguridade peonil, pero tamén na ampliación da rede municipal de abastecemento de auga. Os proxectos de obras están cuantificados en 287.797,25 euros, aínda que na sesión tamén se propuxo destinar 70.000 euros a gastos correntes do consistorio e outros preto de 36.000 ao reforzo do funcionamento dos Servizos Sociais municipais, nomeadamente do SAF.
As obras acollidas ao POS+ 2022 encádranse en dous grandes apartados. Dunha banda están as que xa contan cun importe fixo financiado con remanentes provinciais do ano pasado e a asignación prevista para este exercicio, que suman un importe de 91.714,11 euros. Con esa contía, o Concello financiará a pavimentación dos camiños de Lavandeira, Vidueiro, Caleira, Petón e Outeiro, ademais de levar a cabo a construción de beirarrúas en Mil de Arriba.
Tal e como aparece reflectido na documentación técnica, estes dous proxectos terán un custo total próximo aos 105.865,29 euros, de modo que o Concello asumiría con fondos propios os algo máis de 14.000 que hai de diferenza entre a achega provincial e o prezo en que están orzamentados.
Por outra banda, o Concello tamén aprobou os proxectos do Plan Complementario susceptibles de ser executados na medida en que a Deputación vaia habilitando novas partidas económicas ao longo deste ano.
Son tres, por un valor conxunto de 181.931,96 euros: o aglomerado da pista que vai desde a Ponte do Sur até o límite con San Sadurniño, a reposición das beirarrúas en Mil de Abaixo e a ampliación da rede de abastecemento de auga a Portogonzalbo, Forxao e Riobello -parroquia de San Xoán- e na Senra, en Santa Cruz.
POS Social e para gasto corrente
O Plan Único da Deputación tamén lles dá aos concellos a posibilidade de financiar parte do seu funcionamento diario -o gasto corrente-, ao que Moeche dedicará 70.000 euros da colaboración provincial.
A convocatoria do POS+ 2022 xa incorpora, ademais, o Plan Adicional 01 para apoiar as accións de tipo social. Os 35.559,97 que se lle asignaron a Moeche dedicaranse a cubrir parte dos custes de contratación de persoal, á ampliación dos fondos para emerxencia social e ao reforzo do Servizo de Axuda no Fogar en todas as súas modalidades.
Últimos comentarios