O Pleno do Concello aproba co voto favorable do Goberno unha declaración institucional de rexeitamento aos proxectos do P.E. Moeche e P. E. Badulaque polos impactos negativos que deles se derivan para o conxunto do territorio e veciñanza do noso concello, Deste xeito Moeche súmase a outos concellos da comarca nos que se aprobaron , neses casos por unanimidade, co voto favorable de todos os grupos politicos, similares declaracións institucionais en contra dos proxectos eólicos de ENEL.
A Alcaldía presentoulles este martes aos representantes dos grupos municipais – BNG e PP-, en sesión da Xunta de Portavoces, unha proposta de declaración institucional sobre os parques eólicos Moeche e Badulaque para que fixesen as súas achegas co obxectivo de que recollese a posición do Concello de Moeche ante estes dous proxectos previstos, e nos que se pode comprobar a proximidade ás vivendas de Moeche, nalgúns casos a 260 metros, ou a afección directa a explotacións gandeiras , o establecemento de novas obrigas para as persoas propietarios dos montes, etc. Ambos proxectos están en fase de información pública ata o 18 de agosto para a solicitude de autorización administrativa previa e no relativo ao estudo de impacto medio ambiental. Non se presentaron novas achegas ou propostas para incorporar a un texto consensuado e presentouse ao Pleno. Na sesión plenaria, coa ausencia dun concelleiros do G.M. do BNG e dous do G.M. do PP, aprobouse cos votos do Grupo municipal do BNG – 5 votos- e a abstención do Grupo Municipal do PP -1 voto- .
A Declaración institucional, aprobada cos votos do Goberno municipal hoxe polo Pleno da Corporación, parte da necesidade de apostar polas enerxías renovables como a eólica e tamén, “de que os seus beneficios repercutan nos territorios que os xeran e da participación pública galega na planificación e desenvolvemento do sector enerxético en xeral e do eólico en particular”
A Corporación, a trevés deste texto, insta ao Goberno do Estado para que denegue a autorización para a construción do Parque Eólico Moeche e do Parque Eólico Badulaque e para que teña en conta as achegas da Administración local nunha valoración conxunta do desenvolvemento eólico para unha planificación adecuada e coordinada en colaboración coa Xunta de Galicia e respectando as súas competencias propias nesta materia,
Tamén se insta ao Estado a elaborar xunto coa Xunta de Galicia unha Planificación Eólica conxunta que teña como base o coidado do patrimonio natural e cultural e “respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola, gandeiro e forestal”
Por último, requírese do Estado que informe das axudas outorgadas ou previsto outorgar a Enel Green Power tanto por parte do Goberno español como do Banco Europeo de Investimentos para a posta en marcha do plan industrial de desenvolvemento eólico que configuran os seis parques eólicos no conxunto da comarcas de Ferrolterra, Ortegal e Eume.
Á Xunta de Galicia solicítaselle que emita o preceptivo informe de impacto ambiental negativo, que considere os prexuízos que a instalación do devandito parque suporía para o ámbito do noso concello.
Remata a declaración institucional manifestando o compromiso do Concello de poñer “a disposición da veciñanza o asesoramento preciso para defender os seus intereses e inquedanzas ante a implantación de parques eólicos que se consideren abusivos ou prexudiciais para a veciñanza, así como para a elaboración das alegacións necesarias”.
Nestes sentido, a alcaldesa lembra que o servizo de asesoramento para a preparación das alegacións xenéricas prestarase na Casa do Concello o martes 27 e o mércores 28 de xullo, de 10.30 a 13.30h e de 16.30 a 19.00h
En nome do Goberno municipal a Alcaldesa manifesta o agradecemento a todas as entidades veciñais que están dedicando o seu tempo a ofrecer información sobre os proxectos e as súas afeccións.
Últimos comentarios