Día de facer balance da marcha dunha nova edición da Feira do 23 de Abril, o evento máis multitudinario do calendario modestino. O tempo acompañou, malia a friaxe de primeiras horas da mañá, e tamén o público que, se ben non foi tan abondoso coma o ano pasado, continuou manténdose fiel á tradición de vir ver cabalos, tratalos ou exhibilos nas probas organizadas pola Asociación Ecuestre 23 de Abril. En total inscribíronse 118 animais canda os seus respectivos xinetes e amazonas, que volveron dar espectáculo no circuíto acoutado entre Pensos Pazo e un chisco máis arriba do Centro de Saúde. 

Nin sequera un lus que era só festivo en Moeche puido coa feira. Resentiuse con respecto á edición pasada e as anteriores, cando a cita coincidiu en días máis próximos á fin de semana que, se cadra, contribúen a animar máis a xornada. Porén, a resposta do público -que, insistimos, foi moito- non tivo o seu paralelismo en canto a monturas participantes nas probas. Segundo comentaba a organización pouco despois de pechar as inscricións para as competicións de andadura e trote, o número de participantes “foi igual ou lixeiramente superior” ao do ano pasado.

As probas comezaron cerca das 11.00h e prolongáronse durante boa parte da xornada, repartindo 5.000 euros en premios para as disciplinas de andadura chapeada -a primeira da mañá-, andadura aserrada e trote, divididas en categorías de máis e menos dun metro e medio de altura á cruz.

En paralelo, o campón situado ao carón do centro médico -auténtico epicentro da tradición cabalar do 23 de abril- era un escaparate para ver e mercar numerosos exemplares, máis que outras veces. Tal e como comentaba un dos habituais no 23, nesta ocasión “houbo moito cabalo a vender” e, de feito, unha boa remesa dos animais que agardaban para cambiar de mans partiu nun mesmo lote con destino a Asturias.

Alén de chamar polos cabalos, as eguas, os poldros, as cabaleiras e os cabaleiros doutos, o día de San Xurxo é tamén unha data na que o mercado do 23 conta con máis postos e máis variedade da habitual, que chegou incluso á rúa da Feira e á da Casa do Concello. Na primeira xuntáronse postos de roupa, alimentación e artesanía, ademais de haber dous espazos onde poder conseguir un exemplar gratuíto da campaña da Deputación da Coruña “Libros para ser libres” ou onde poder admirar a pericia coa madeira do ebanista retirado José Fernández quen, ademais de pequenos xoguetes e obxectos decorativos, tiña tamén dous espectaculares carros para cabalos construídos por el mesmo.

Máis abaixo, xa no propio recinto feiral, a nave dos tecidos ofrecía iso, teas e roupa, pero tamén queixos, embutidos e planta que se estendía por fóra con pés de horta para poñer na terra agora que vén o bo tempo. A nave do gando ocupárona vacas e xatos na compaña dalgunhas ovellas, mentres que o resto do sitio ao aire libre estivo copado por máis postos de roupa, calzado, ferramentas, pan, salgaduras e os habituais toldos de polbo, churrasco e churros.

O 23 de Abril rematou á tardiña tras unha intensa xornada na que non se produciron incidencias e da que cómpre destacar o traballo desenvolvido pola asociación organizadora da feira do cabalo, das persoas voluntarias que lles botaron unha man e tamén o das agrupacións de Protección Civil que se sumaron ao dispositivo de seguridade para que todo saíse á perfección.