O Servizo Galego de Saúde  iniciou hoxe á mañá a convocatoria por SMS para participar no cribado voluntario que se desenvolverá en Moeche este martes pola tarde. As citas estanlle chegando só a aquelas persoas coa tarxeta sanitaria adscrita ao Centro de Saúde do municipio e con idades entre os 40 e os 65 anos, a quen se lles realizará un test PCR nasofarínxeo (o que se fai introducindo un hisopo polo nariz). Quen reciba a mensaxe deberá acudir no coche a unha carpa que se instalará ao pé do centro médico, razón pola que o Concello contará coa colaboración de Protección Civil de Neda de cara a regular a circulación. Neste sentido, desde o Goberno local prégase que todas as persoas citadas se axusten ao horario asignado para evitar atascos e esperas innecesarias. Tamén se lle pide á veciñanza convocada que acuda á súa cita malia tratarse dunha proba voluntaria, xa que a finalidade do cribado é detectar casos asintomáticos e, en definitiva, atallar a posibilidade de que se produzan novos contaxios.
 
O cribado entre o grupo de poboación de 40 a 65 anos obedece a cuestións de estatística epidemiolóxica, posto que foi nese intervalo de idades onde se produciu o maior número de positivos no noso territorio durante esta terceira onda.
O SERGAS comezou a media mañá de hoxe o envío de mensaxes de móbil a todas aquelas persoas que cumprisen  este criterio demográfico, aínda que unicamente a aquelas con tarxeta da sanidade pública adscrita ao centro médico do municipio.
Isto é moi importante telo presente, xa que aquelas persoas que non recibisen a SMS ou que teñan seguros privados, aínda que estean nesa faixa de idades,  en ningún caso deberán acudir facer as probas.
Tampouco se debe chamar ao Centro de Saúde para solicitar información nin pedir explicacións dos motivos de non recibir a cita, xa que o cribado é un estudo que depende directamente do SERGAS, non do centro médico.
Para o desenvolvemento da proba, o Concello colaborará regulando o tráfico e instalando unha carpa ao carón do Centro de Saúde. Haberá que acudir á hora sinalada obrigatoriamente en cocheaínda que se viva a escasos metros do consultorio, e non será necesario baixarse del para facer o test. A técnica de mostreo elixida neste caso é a PCR nasofarínxea, coa que se frota a parte superior das vías respiratorias introducindo un bastonciño polos buratos do nariz.
As persoas citadas terán que acudir coa máscara, aínda que vaian dentro do coche máis persoas conviventes, que só se retirará no momento da toma da mostra. É importante ter en conta tamén que non se deberá ir facer a proba -aínda que se recibise a mensaxe- se se está en corentena, se se teñen síntomas coincidentes cos da COVID-19 (nese caso hai que chamar ao 900 400 116) ou se se tivo contacto estreito cunha persoa positiva.
Desde o Concello -quen solicitou hai varias semanas a realización do cribado- prégase puntualidade para evitar aglomeracións e esperas innecesarias para facer un test que dura pouco menos dun minuto e para o que están chamadas 280 persoas. Tamén se insiste, unha vez máis, en que se participe no cribado: “as probas son voluntarias, pero pedímoslle por favor a toda a veciñanza citada que acuda ao chamamento porque é fundamental para detectar casos asintomáticos que poden estar propiciando os contaxios sen sabelo”, prega a alcaldesa, Beatriz Bascoy.
A rexedora alude, ademais, á necesidade de  “facer un bo uso dos recursos sanitarios que se están poñendo á nosa disposición”, despois de que o Concello solicitase hai unhas semanas a realización do estudo. “Gustaríanos que o cribado se fixese entre toda a poboación de Moeche, pero as autoridades sanitarias, que son as que entenden de epidemioloxía, consideran suficiente citar só á poboación de 40 a 65 anos. Sexa como sexa é moi importante que vaian facer a PCR todas as persoas que estean chamadas”.