A Sección Segunda da Sala do Contecioso Administrativo do TSXG acaba de comunicarlle ao Concello o seu fallo sobre a pertinencia ou non de pagarlle ao anterior rexedor, Xulio Cribeiro, os gastos da representación legal e de peritaxe no xuízo que se seguiu contra del por ter repostado combustible á conta das arcas municipais e, ao mesmo tempo, cobrar delas gastos de desprazamento. Como se recordará, Cribeiro foi declarado non culpable dos delictos de prevaricación e malversación de fondos públicos por un xurado popular malia que os feitos expostos pola Fiscalía si quedaron acreditados. A partir de aí, o exalcalde esixiu que o Concello asumise o custe dos avogados que o defenderon, primeiro solicitándollo directamente e logo mediante un pleito contencioso administrativo que o ano pasado acabou dándolle a razón. O goberno  encabezado por Beatriz Bascoy decidiu daquela apelar perante o TSXG “en defensa do interese público” e agora este tribunal vén de revogar a sentenza do xulgado de Ferrol e, en consecuencia, resolve que o Concello de Moeche non ten que pagarlle a Cribeiro indemnización ningunha. Segundo a alcaldesa, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -contra a que cabe recurso de casación- “é unha victoria da que debemos alegrarnos todas e todos sen máis celebración. Son xa moitos anos de xuízos por un asunto probado e reprobable que manchou o nome do Concello e que incluso provocou certa división entre a veciñanza de Moeche. Agardamos que tras esta sentenza se poida pasar páxina”. 

Para entender de onde veñen as cousas hai que viaxar dez anos atrás, ao ano 2009, cando a Fiscalía impulsou un xuízo contra Xulio Cribeiro por presunta prevaricación e malversación de fondos públicos. Os feitos que se lle imputaban eran os de repostar  por conta do Concello e  cargarlle ao mesmo tempo ao erario municipal os gastos por desprazamento que, en teoría, teñen tamén a finalidade de cubrir os custes do combustible. Tal e como se desprende da documentación xudicial, está contrastado que entre xaneiro de 2004 e abril de 2008 Xulio Cribeiro botou combustible “dúas e en ocasións tres veces á semana […] que cargou aos fondos municipais” e que, durante ese mesmo período, “percibiu do Concello en concepto de gastos de locomoción e outros no exercicio do seu cargo a suma de 5.478,81 euros”. É dicir, Cribeiro cobraba dúas veces pola mesma cousa, algo que quedaría acreditado na sentenza ditada en 2013 que, porén, o declarou non culpable ao entender que “actuou sen ánimo de enriquecerse ilicitamente” e, neste sentido, que a súa conduta non era encadrable no delicto de malversación de caudais públicos, tal e como defendía a Fiscalía.

A sentenza absolutoria foi recorrida polo Concello en 2013 e, posteriormente, ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O 31 de xullo de 2014, sendo de novo alcalde baixo as siglas de PRO.PO.MO, Xulio Cribeiro rexistrou no Concello a solicitude de que se lle fixese efectivo o pagamento dos gastos derivados da súa defensa, cuantificados no escrito en 37.025 euros. Unha petición que o ente municipal -gobernado por el mesmo entre 2014 e 2015- non respostou nin en positivo nin en negativo, quedando rexeitada de facto por un silencio administrativo contra o que o propio Cribeiro, en 2016 e xa fóra da alcaldía, presentaría unha demanda perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº1 de Ferrol.

Este xulgado fallou en febreiro do ano pasado que si debían aboárselle a Xulio Cribeiro os 37.025,34 euros que este lle pagou aos avogados e peritos que o asistiron na súa defensa. Contra a sentenza cabía recurso de apelación perante o TSXG. E o Concello apelou, fundamentando a reclamación en que eses gastos foron unha cifra pactada libremente entre Cribeiro e os profesionais e que, ademais, a absolución se debeu a que a conduta do exalcalde non encaixaba na malversación pero que a acción de repostar con cargo ao erario municipal “non foi en ningún momento discutida”, tal e como cita a sentenza que agora acaba de recibir o Concello. Nela, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rebate o fallo do contencioso ferrolán e atende  ás alegacións presentadas polo Concello nas que se recorda que se contraviñeron na actuación do ex-alcalde “as máis esenciais normas de imparcialidade e obxectividade na actuación administrativa” e reiterando o que  a sentenza 293/2016, de 2 de maio de 2016 (rec. 63/2016) da Sección Primeira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  asentou ao dicir  que  “bastante ben parado saiu do seu procedemento penal para que agora, ademais, se lle deban indemnizar os gastos para a súa defensa”.

En calquera caso, a sentenza que acaba de serlle comunicada ás partes dálle a razón ao Concello de Moeche, evitándolle ter que indemnizar ao anterior rexedor, quen aínda ten a posibilidade de acudir ao recurso de casación ante a mesma sala do TSXG ou ante o Tribunal Supremo. Para Beatriz Bascoy o fallo do TSXG “confirma que tiñamos razón cando diciamos que había que defender o interese público por riba de todo, que se debían esgotar todas as vías antes de asumir o pagamento deses  máis de 37.000 euros que se lle reclamaban ao Concello”. A alcaldesa mostrouse “moi satisfeita” coa sentenza, puntualizando, iso si, que se trata dunha “victoria” da que “debemos alegrarnos todas e todos sen máis celebración” posto que, segundo lembrou, “son xa moitos anos de xuízos por un asunto probado e reprobable eticamente que manchou o nome do Concello e que incluso provocou certa división entre a veciñanza de Moeche”. A este respecto, e coa prudencia que obriga a posibilidade de recurso nos próximos 30 días, Beatriz Bascoy mostrouse confiada en que, tras esta sentenza, “Moeche, aínda sen esquecer, poida por fin pasar páxina”.