Este sábado 28 de setembro Moeche converterase en referente obrigado do mundo do motor coa disputa da sexta edición do Slálom Concello de Moeche organizado pola Escudería Moeche. Un evento que contará cun total de 40 participantes dos cales 13 son pilotos da escudería organizadora. A competición propiamente dita arrancará sobre as 11 da mañá por un circuíto que se verá modificado con respecto a anos anteriores co obxectivo de ofrecer aínda máis espectáculo sen renunciar por iso á seguridade. A este respecto, desde o Concello infórmase que todo o recinto de San Ramón no que se disputará a proba permanecerá pechado á circulación xa desde as 18.00h. deste venres. Sobra dicir que o sábado pola mañá non haberá mercado semanal. O evento dedícaselle este ano á memoria de Juan Carlos Sueiras, colaborador da entidade organizadora desaparecido neste 2019.
As inscricións estiveron abertas desde finais de agosto ata este mesmo mércores ás 20.00h. Hoxe publicouse o listado de 40 participantes adscritos a un total de 12 escuderías. A representación máis nutrida é a da anfitrioa, quen achega 13 participantes. Entre as inscricións atópanse tan só tres nomes femininos, o de Sheila Lestón Fernández -Seat Panda- e o da local Laura Rañal Méndez cun Saxo VTS, xunto co de Patricia Casas Vázquez na asistencia do piloto do Scratch Fene Manuel Castro.
Revisando o listado de monturas atopamos que case todos son vehículos pequenos e manexables con tracción dianteira -Citröen Saxo, Peugeot 106/205/206, algún AX, etc.-, mesturados con traccións traseiras tan míticos coma o Seat 1430, o Mercedes 190 ou os sempre espectaculares BMW 325i.
A actividade iniciarase ás 9.00h. coas verificacións administrativas e técnicas, previas á reunión informativa e á saída, cara ás 11.00h., do primeiro vehículo. Haberá dúas mangas de adestramentos e outras dúas oficiais, que se desenvolverán ao longo do día sobre un trazado que variará con respecto ás anteriores edicións. A organización indica que os cambios lle afectarán á parte baixa do circuíto buscando unha maior espectacularidade, aínda que sen renunciar por iso á seguridade. A zona acoutada para a proba e as áreas de aparcadoiro poden consultarse na web da Escudería Moeche, onde tamén figura a imaxe satelital das rúas do centro urbano que permanecerán cortadas desde o venres á tardiña.
Repartiranse 930 euros en metálico -ademais de trofeo- entre os seis primeiros clasificados da Xeral Scratch. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros da categoría Agrupación, para o primeiro vehículo encadrado en Históricos e para a muller que faga o mellor tempo. A nova promesa que obteña a mellor clasificación levará como recompensa a proba dun vehículo en circuíto cerrado con TRS Racing Team.
A proba é puntuable para o Campionato de Galicia de Slálom. A Escudería Moeche conta coa colaboración do Concello e tamén de numerosas firmas comerciais de dentro e fóra do municipio.
Últimos comentarios