O Concello de Moeche celebrará o vindeiro sábado 13 de decembro o seu VII Mercado de Nadal, unha xornada festiva no recinto feiral que combinará compras de proximidade, artesanía, gastronomía de calidade e actividades para todos os públicos desde as 10:00 ata as 19:00 horas.
Unha oportunidade para mercar local e con calidade
Este mercado especial busca promocionar o mercado dos sábados ampliando a oferta de produto para que as persoas asistentes teñan a oportunidad de facer as súas compras de Nadal nun ambiente agradable e lúdico, desfrutando da calidade e o saber facer dos produtores locais.
No Mercado de Nadal poderemos atopar produtos de temporada de primeira calidade, artesanía en coiro, madeira e outros materiais, decoración, adornos de Nadal, agasallos personalizados, flores e unha morea de orixinais propostas para vestir a casa nestas datas ou para agasallar a familiares e amizades.
Ademais, todas as compras terán premio: cada adquisición incluirá unha papeleta para participar nos sorteos de lotes de produtos que se realizarán ao longo da xornada ás 14:00h e 19:00h.
Un programa completo para toda a familia
A xornada estará chea de actividades paralelas que farán do mercado unha experiencia perfecta para desfrutar en familia ou coas amizades:
12:00h – Obradoiro infantil
13:00h – Visita do Apalpador de Pulpiño Viascón, que encherá de música a nave
14:00h – Sorteo de lotes de produtos
17:30h – Espectáculo de teatro infantil a cargo de Teatro Calavera: “Un Nadal na Laponia”
19:00h – Peche da feira co último sorteo de produtos
Durante todo o día, a Asociación Amigos da Madeira das Pontes ofrecerá unha mostra de torneiros que deleitará aos amantes da artesanía tradicional.
Convocatoria para participantes: aberto o prazo de inscrición
O Concello de Moeche convoca aos produtores, artesáns e comerciantes interesados en participar no VII Mercado de Nadal. O prazo de inscrición está aberto ata o 4 de decembro de 2025 e a cota de inscrición é de 8,00 € para o posto que ocupe 4 metros lineais ou menos, e 15,00€ para o que solicite máis de 4 metros lineiais.
Inscrición: A través da sede electrónica do Concello de Moeche: https://moeche.sedelectronica.gal/info.0
Para consultar as bases completas de participación, requisitos, documentación necesaria e todos os detalles, podedes acceder ao taboleiro de anuncios da web municipal do Concello de Moeche ou picando no enlace.








Últimos comentarios