Na mañá deste martes 14 de xullo tivo lugar no Concello de Moeche a presentación oficial do XI Slálom Concello de Moeche, cuarta proba puntuable para o Campionato Galego de Slálom 2026. Na presentación estiveron presentes Cristina García, tenente de alcaldesa do Concello de Moeche; Moisés García, presidente da Escudería Moeche; David Saavedra, Juan José Sueiras, Modesto López, membros da directiva da Escudería Moeche; e a piloto da Escudería Moeche, Mariquiña Chao.
O evento, organizado pola Escudería Moeche (Asociación Automobilística Moeche), celebrarase o vindeiro sábado 18 de xullo nas rúas de San Ramón. Nesta undécima edición modifícase lixeiramente o trazado, mantendo así e todo a esencia do percorrido tradicional e conservando a espectacular grada natural situada ao carón do concello, desde a que o público poderá seguir o paso dos vehículos con total seguridade.
O número de participantes bate récord nesta edición, cun total de 81 inscritos, seguindo a tendencia á alza dos últimos anos.
A xornada desenvolverase ao longo de todo o sábado: as mangas de adestramentos terán lugar durante a mañá, mentres que as mangas oficiais, encargadas de decidir as gañadoras e os gañadores nas diferentes categorías, celebraranse pola tarde.
Ademais da clasificación xeral e das diferentes agrupacións, nesta edición entregaranse os seguintes trofeos especiais:
– 1ª, 2ª e 3ª Feminino: Trofeo “A Tenda de Iria”
– 1º, 2º e 3º Históricos: Trofeo “Motrio-Motor Ortegal”
– 1º, 2º e 3º Veteráns: Trofeo Cadena SER
– 1º, 2º e 3º Escudería Moeche: Trofeo Mantiñán
– 1º, 2º e 3º Copa Debutantes: Trofeo Galrrecambios
A Escudería Moeche conta coa colaboración de varias firmas comerciais de dentro e fóra do municipio, así como cun amplo grupo de persoas voluntarias que levan meses traballando para o éxito da proba.
O centro de San Ramón e o entorno do recinto feiral permanecerán cortados á circulación desde as 18:00h do venres 17 ata o domingo 19 ás 12:00h. O público así como as persoas residentes terán á súa disposición espazo de estacionamento en zonas próximas ao evento.
Desde o Concello animamos a toda a afección ao motor a achegarse a Moeche este sábado para gozar dunha intensa e emocionante xornada de competición.








Últimos comentarios