Volve o Slálom Concello de Moeche ás rúas de San Ramón da man da Escudería Moeche. Conta coa colaboración económica e loxística do Concello de Moeche, plasmada nun convenio de colaboración asinado na Casa do Concello pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da Asociación Automobilística Moeche, Moisés García. A cita co motor organizada pola Escudería Moeche (Asociación Automobilística Moeche) desenvolverase durante toda a xornada deste sábado 18 de xullo . A proba puntuará, como acontece desde hai uns anos, para o campionato galego da especialidade. O centro de San Ramón e o entorno do recinto feiral permanecerán cortados á circulación desde as 18:00h do venres 17 ata o domingo 19 ás 12:00h. O público así como as persoas residentes terán á súa disposición espazo de estacionamento en zonas próximas ao evento.
Convenio municipal
Para o desenvolvemento do XI Slálom Concello de Moeche a entidade organizadora conta coa colaboración do Concello mediante un convenio que foi asinado esta semana pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da Escudería Moeche, Moisés García.
O Convenio implica unha achega de tres mi euros -3000 euros- , dos que 1.500 euros se ingresarán despois da súa sinatura e os 1.500 euros restantes unha vez que a escudería presente a xustificación dos gastos efectuados.
Xunto coa colaboración económica tamén se estipula que a Administración local facilitará 200 valos metálicos, colaborará na adquisición de trofeos, a presenza e gastos de Protección Civil, porá a disposición do evento espazos como a Nave do Mercado e o recibidor da Casa Consistorial. A Escudería Moeche tamén contará con apoio de persoal municipal para os preparativos e xunto cunha cisterna e un vehículo motobomba.
A parte que lle corresponde á entidade refírese á organización deportiva: cronometraxes, verificacións técnicas dos vehículos, a subscrición da póliza de seguros da proba, a asistencia de ambulancias, a retirada e volta ao seu sitio dos colectores do lixo e outro mobiliario urbano que haxa que mover para deixar libre o circuíto e tamén achegar persoal para delimitalo cos valos metálicos.
O acordo sinala tamén aspectos administrativos, entre eles a obriga de xustificar a axuda económica concedida antes do 30 de novembro deste ano.
Na mañá do vindeiro martes 14 de xullo terá lugar no Concello de Moeche a presentación oficial do XI Slálom Concello de Moeche.








Últimos comentarios