Dous avaliadores da Unesco percorreron entre o domingo e o martes desta semana os principais lugares do territorio que aspira a converterse en Xeoparque Mundial, co obxectivo de analizar se reúne as condicións para obter un recoñecemento internacional que ten a mesma categoría ca ser Patrimonio da Humanidade. Os xeólogos Chris Woodley-Stewart (director do xeoparque británico North Pennines) e César Goso (coordinador do xeoparque uruguaio Grutas del Palacio) coñeceron tanto a riqueza xeolóxica da zona como a paisaxística, a patrimonial e a turística, ademais de tomar o pulso do grao de implicación da sociedade neste proxecto. A misión de avaliación estivo en Moeche boa parte da xornada do luns, achegándose a Mina Piquito, visitando o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla e mantendo un encontro cunha representación dos 8 colectivos do municipio que xa son “Entidades Amigas” do proxecto de xeoparque ou están en trámites para selo.
O equipo avaliador da Unesco iniciou o seu percorrido por Moeche en Mina Piquito II. Acompañados pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, por Fran Canosa e polos profesores de xeoloxía da UCM Ricardo Arenas e Sonia Sánchez, César Goso e máis Chris Woodley Stewart accederon ás galerías da antiga explotación de material rico en cobre, que se mantivo aberta até case os anos 70 do século pasado. No interior atendéronlle ás explicacións de Canosa sobre as vetas con presenza deste elemento, orixinadas hai millóns de anos polos materiais emanados a máis de 300 graos centígrados por fumarolas volcánicas submarinas.
Porén, ademais das explicacións técnicas do xeólogo, os avaliadores tamén puideron coñecer o traballo na mina cando estaba aberta, gracias á memoria do noso veciño Gerardo Dopico -Gerardo da Ribeira-, de 76 anos, que tamén participou na ruta e que entrou traballar na explotación sendo un cativo de 15 anos, primeiro no lavado do mineral e logo na propia Mina Piquito II -tamén coñecida como Mina Santa Marta-, antes de emigrar a Francia.
Tras máis de medio século abandonada, hoxe a mina é un espectacular espeleotema de estalactitas e estalagmitas azuis e marróns, ademais de mostrar acumulacións de xeso e xofre que semellan doutro planeta. Por este motivo, Mina Piquito está proposta para entrar no catálogo de novos Geosites -lugares dunha grande relevancia xeolóxica- do IGME e é un dos principais referentes xeolóxicos do proxecto de xeoparque.
Esta visita foi a última parada da mañá do luns e, logo da paréntese para xantar en Delfino, a misión retomou a avaliación achegándose ao Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. Alí agardaban Iria Pena, da Gandaría Ecolóxica Lavandeira, Virtudes Méndez, da queixaría Lácteos Moeche e Isita Fernández Durán, do GDR Seitura 22, entidade xestora de fondos europeos de desenvolvemento rural que financiou a merca de equipamento, mentres que a Deputación da Coruña cubriu os custes do 80% das obras.
Os guías foron neste caso Beatriz Bascoy, o concelleiro de San Sadurniño Manolo Varela e a veterinaria Pilar García, formadora do centro, quen explicaron tanto o deseño das instalacións como o tipo de produto elaborado nos dous primeiros cursos que se organizaron, principalmente zumes e conservas de froita e horta, en espera de que entre en funcionamento a liña dedicada ao mel. A Fusquenlla é un proxecto integrado na rede provincial de espazos colaborativos e está promovida polos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, os catro integrantes tamén do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. Antes de marchar ofreceuse unha degustación a base de queixo ecolóxico de Lácteos Moeche, zume de mazá e distintas compotas en conserva.
Desde A Fusquenlla, situada no recinto feiral de San Ramón, a misión de avaliación baixou ao val de Moeche para visitar o castelo, que proximamente acollerá un centro de interpretación do proxecto de xeoparque. Alí, tras achegarse á escultura adicada á canteira Soledad Campos (feita en toelo ou pedra de Moeche) e despois dunha breve introdución á historia da fortaleza por parte do técnico de Turismo, Ramón Carballeira, visitaron a exposición de obxectos en madeira do ebanista local José Fernández e, deseguido, houbo un encontro con entidades veciñais e culturais do municipio. De feito, neste momento xa son seis os colectivos locais que forman parte do proxecto como “Entidades Amigas”, mentres que outros dous formalizarán proximamente a súa adhesión.
Na xuntanza participaron Xaquín Ros (AVV Val de Moeche), Eva Quetti (AVV Labacengos), Vanessa López (AVV Balocos), Alexandre Campos (AC Irmandiños). Tamén asistiu Mari Luz Umia, de Alalá Turismo, que é unha empresa local centrada nas experiencias culturais que ademais tamén ten previsto entrar dentro de pouco na actividade dos aloxamentos turísticos.
Woodley-Stewart e Goso preguntáronlles, entre outras cousas, como consideraban que a figura dun xeoparque podería axudar ao territorio. Unha cuestión para a que houbo resposta unánime, no sentido de que esta figura da Unesco daría a coñecer a zona de cara ao turismo internacional, abriría oportunidades para colaborar entre entidades e fomentaría un desenvolvemento sostible en todo o ámbito dos sete concellos promotores. Como recordo do seu paso por Moeche, os auditores internacionais levaron camisetas e carteis do Festival Irmandiño, ademais de queixos e produtos da Fusquenlla.
A decisión da Unesco coñecerase na primavera
Tralo seu percorrido polo territorio do proxecto, o británico Chris Woodley-Stewart e o uruguaio César Goso deberán preparar o seu informe de avaliación nas próximas semanas. De cumprírense os prazos previstos, a Comisión de Xeoparques Mundiais da Unesco analizará o documento a primeiros de decembro e, se o seu contido é favorable, a ONU podería ratificar a entrada na rede mundial de xeoparques no mes de abril.
O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal é unha iniciativa de desenvolvemento promovida polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, integrados na Asociacion para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, que botou a andar hai sete anos -ao empezo como agrupación de municipios e logo con entidade propia- collendo o testemuño da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal, o primeiro colectivo que se preocupou pola divulgación masiva do patrimonio xeolóxico da zona e por propoñer modelos de desenvolvemento sostible baseados no xeoturismo.
O seu ámbito abrangue case 800 quilómetros cadrados de superficie terrestre e marítima, nos que viven arredor de 28.000 persoas. A declaración como Xeoparque significaría a obtención dun recoñecemento que neste momento só posúen 177 territorios no mundo e que ten a mesma relevancia que unha declaración como Patrimonio da Humanidade.
Últimos comentarios