A alcaldesa de Moeche acaba de cursarlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a solicitude dunha reunión formal na que se aborde como tema prioritario a situación do tren de cercanías en todo o norte das provincias da Coruña e Lugo. Beatriz Bascoy, quen actúa en representación dos municipios polos que discorre a antiga liña de FEVE, destaca a urxencia do encontro ante a falla de avances na mesa constituída polos concellos, ADIF e RENFE e, principalmente, “polas consecuencias inaceptables para o conxunto da poboación” que están producíndose por mor da suspensión de servizos. Na misiva, remitida esta mesma mañá, tamén se pide que ao encontro asista a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Bascoy lembra na carta que todos os concellos polos que pasa a liña de ancho métrico Ferrol-Ribadeo  “levan un longo tempo demandando a adopción de medidas para frear o estado de deterioración en que se desenvolve o servizo ferroviario público nestas comarcas”. Un servizo cualificado pola rexedora como “fundamental e necesario” para a fixación de poboación pero que, pola contra, neste momento “non ofrece fiabilidade nin garantía” para as persoas usuarias debido ao “abandono” e a falla de mantemento.

Apunta a alcaldesa que o tren de cercanías “é a única alternativa” de transporte público para o desenvolvemento de actividades tan esenciais como a académica, a atención sanitaria e as xestións administrativas, ademais do valor “como sistema de transporte para potenciar a noso territorio como punto de destino turístico”. Unha importancia que bate de fronte, segundo o texto suscrito polos municipios, co “elevado número de suspensións de servizos día tras día e semana tras semana”, cuantificadas pola Plataforma en defensa do tren Ferrol-Ribadeo en máis de 800 só no ano 2017.

Esta “pésima situación” e a “falta de respostas” por parte das administracións son cualificadas na carta dirixida a Feijóo como “inaceptables para o conxuto da poboación dos concellos aos que representamos” que, tal e como se asegura no texto, levan dous anos “demandando solucións” sen que se producisen avances máis aló de retoques estéticos na maquinaria e a adaptación de algúns horarios entre Ferrol e Ortigueira. Beatriz Bascoy reitera neste sentido que as xuntanzas mantidas no último ano con representantes de RENFE, da Xunta e, máis recentemente, tamén de ADIF, saldáronse cun “resultado desesperanzador”, ratificado segundo a alcaldesa polo feito de que en 2017 e 2018 “o número de suspensións de servizos medrou e segue a medrar”.

Trala exposición de motivos, a portavoz dos municipios do eixo ferroviario Ferrol-Ribadeo solicítalle ao presidente da Xunta e á conselleira do ramo “abordarmos de forma eficiente e urxente un serio problema que está a afectar a unha poboación de máis de 200.000 persoas”.