O domingo 15 de marzo a Nave do Mercado de Moeche acollerá a quinta edición da súa feira monográfica sobre o queixo. Unha cita que ano a ano vai medrando en número de visitantes, de expositores e repercusión sectorial como referente obrigado de todo o que rodea a este tipo de produto no norte de Galicia. O Concello está ultimando os detalles da programación, que se dará a coñecer nos próximos días, pero os postos que queiran participar na feira xa poden ir reservando espazo desde agora até o 23 de febreiro, último día en que se admitirán solicitudes. As instancias poden presentarse a través de correo@moeche.gal ou presencialmente nas oficinas municipais. Unha vez que a área de Desenvolvemento local confirme a petición deberá facerse efectiva mediante ingreso bancario a cota de participación, fixada en 30€.

A feira do queixo de Moeche é un evento que pretende fomentar o consumo e a cultura do queixo, rodeado durante toda a xornada doutras actividades paralelas coas que crear un ambiente agradable e lúdico pensado para desfrutar aínda máis da experiencia. Outro dos seus obxectivos é poñer en valor o traballo que fan pequenas e grandes queixarías de dentro e fóra do municipio como parte fundamental do desenvolvemento sustentable das zonas rurais.

Atendendo á traxectoria das anteriores edicións, a deste 2020 promete volver ser un éxito en canto a variedade e calidade do produto, habida conta de que varias firmas xa se interesaron hai tempo pola data do evento e outras xa dixeron o ano pasado que, si ou si, tiñan que volver a Moeche. Sexan novas ou veteranas, todas elas deberán tramitar a solicitude de inscrición cubrindo os datos do nome da empresa, quen actúa como representante, o enderezo, o teléfono de contacto e, ademais, especificar se precisan electricidade para o expositor e se ten interese en presentar o seu produto ao apartado de catas.

De cara a ofrecer o máximo nivel expositivo, as bases da feira piden que todos e todas as participantes coiden a presentación tanto do posto como do produto á venda. Para facilitarlles as cousas -e salvo que se indique o contrario- as queixarías disporán de espazo suficiente e unha mesa para mostrar a súa oferta. Os expositores -de queixo e doutros produtos- poderán montarse a partir das 8.45h. e deberán permanecer abertos desde as 10 até as 19.00h., hora á que está prevista a clausura.

O programa completo da feira está a puntiño de quedar pechado. O que se pode adiantar nestes momentos é que, ademais de queixos, tamén haberá outros produtos primarios e propostas de lecer e animación para todas as idades, a maioría delas relacionadas co produto protagonista. De novo acudirá un queixo convidado doutra parte do Estado -xa se sabe cal, pero imos manter o suspense ata dentro duns días-, contaremos con catas comentadas e co exitoso concurso de pratos e sobremesas elaboradas con queixo como elemento principal.

Folla de solicitude de participación na V Feira do Queixo de Moeche (prazo ata o 23 de febreiro)