Este mércores, 184 aniversario do nacemento de Rosalía Castro, a homenaxe á escritora trasládase ás redes sociais cos vídeos gravados pola rapazada do CEIP San Ramón e co convite a participar nas propostas da Fundación Rosalía de Castro e da AELG. Porén, a Concellería de Cultura de Moeche tamén lle renderá tributo, aínda que o fará dentro dun mes agardando que para daquela xa se poidan desenvolver eventos culturais de maneira presencial. Por iso adiou ao 28 de marzo ás 17.00h. a actuación dos Quinquilláns co espectáculo “A pluma viva de Rosalía”, unha montaxe sobre igualdade e liberdade baseada en textos da escritora que se representará no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade, a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Este espectáculo, inicialmente programado para o pasado día 20 de febreiro, cámbiase para máis adiante en previsión de poder levalo a cabo con público e cumprindo as medidas preventivas que estean en vigor nese momento. Ademais, no caso de que o aforo do centro cultural siga limitado, a sesión poderá seguirse en streaming a través da páxina en Facebook do Concello de Moeche. As persoas que queiran asistir poden ir reservando xa as súas localidades no 981 404 006 ou enviando unha mensaxe a correo@moeche.gal.
En espera de poder recordar á escritora de maneira presencial, o Concello recomenda que este 24 de febreiro se aproveite para volver repasar o seu legado literario e reflexionar sobre as mensaxes que nos deixou, a maior parte delas aínda hoxe vixentes e exemplo dun pensamento a contracorrente da súa época: a Rosalía que se adiantou case medio século aos primeiros movementos feministas, a Rosalía que volveu poñer en valor a fala como vehículo da creación, a Rosalía que denunciou as desigualdades do seu tempo… a muller, en definitiva que, canda a Castelao, é se cadra o maior símbolo cultural do país.
Alén de revisar a súa figura no aniversario do seu nacemento -data que múltiples colectivos piden que se recoñeza oficialmente- en Moeche tamén se vivirá un Día de Rosalía virtual compartindo nas redes sociais municipais os videopoemas preparados polas nenas e nenos do CEIP San Ramón. Neste sentido, o Concello convida á veciñanza a gozar e compartir nos seus muros as lecturas infantís, así como a participar nas iniciativas colectivas da Fundación Rosalía de Castro e da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.
Desde a Fundación Rosalía de Castro, que tampouco organizará eventos públicos polo momento, propoñen celebrar o día “na casiña” de tres maneiras diferentes:
A primeira é preparar o menú de hoxe tendo como prato principal o “Caldo de gloria” feito verso por Rosalía. A escritora dá as claves deste prato sinxelo e, anos máis tarde, o gastrónomo Picadillo converteuno en receita que agora se pode elaborar seguindo en youtube os consellos da cociñeira Lucía Freitas, do restaurante A Tafona.
Outra opción é sumarse á Alborada para Rosalía organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en colaboración coa fundación.
Por último, a quen non sexa nin de caldo nin de música -ou si- propónselle ler a Rosalía, cantala e lembrala, compartindo nas redes sociais as mensaxes de homenaxe co cancelo #DíadeRosalía. Ademais, desde a AELG repiten a idea- como veñen facendo desde o 2010- de agasallar cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións e propostas recollidas na páxina web Día de Rosalía 2021.
Últimos comentarios