Os Magos de Oriente andan a mil durante estes días previos á noite do 5 de xaneiro. Hai que preparar agasallos, ordenalos segundo a ruta prevista e mesmo estar atentos por se houbese algunha petición de última hora. Sabedores de canto traballo van ter as Súas Maxestades na tardiña do sábado, o Concello e maila ANPA do CEIP faláronlles de adiantar dous días o seu paso por Moeche, co obxectivo de que puidesen parar con máis tempo e tranquilidade para escoitar as peticións da rapazada. O seu departamento de protocolo enviou xa a confirmación aceptando a proposta e, deste xeito, os Reis virán por Moeche este xoves a iso das 18.30 horas. Porén, grandes e pequenos poderán gozar de múltiples actividades lúdicas xa desde as 17.00h. e, ademais, dun riquísimo chocolate con churros. 

Adiantar a visita real dous días é unha estratexia ben acertada que a ANPA da escola e mailo Concello veñen poñendo en práctica nos últimos anos. Moeche é o primeiro concello de toda a volta que recibe aos Magos do Oriente e o seu séquito, de maneira que as SS.MM. veñen sen tanto apuro e con tempo máis que sobrado para escoitar todo o que as nenas e nenos lles teñen que pedir, nuns casos de viva voz -apelando á ilimitada memoria de Melchor, Gaspar e Baltasar- e noutros entregándolles en man a carta coa relación de agasallos. Ademais, o Concello tamén lles entregará o saco de mensaxes recollidas o sábado pasado polos dous paxes que estiveron toda a mañá no Mercado de Moeche.

No comunicado oficial remitido polo gabinete de relacións institucionais os Reis agradeceron “a previsión e a deferencia do Concello de Moeche e da ANPA do CEIP San Ramón para axudarnos a facer máis levadeiras estas xornadas de intenso traballo”, engadindo ademais que todas as peticións da xente miúda e da grande “serán atendidas como merecen, atendendo para iso aos informes de comportamento que obran no noso poder”. Con todo, desde a institución máxica indican tamén que o balance xeral “é altamente satisfactorio” e que, polo tanto, “a practica totalidade das nenas e nenos, papás e mamás, avós e avoas…verán cumpridos os seus desexos”.

Os tres Reis Magos que acoden sempre puntuais á súa cita en Belén recalarán en Moeche coa súa corte de paxes este xoves sobre as 18.30h. A recepción real terá lugar na nave do mercado, onde desde as 17.00h. se desenvolverá unha festa con inchables, obradoiros, música e divertidas coreografías a cargo de La GuaGua, quen xa teñen animado en anos anteriores os momentos previos á chegada de Baltasar, Melchor e Gaspar.

Como remate dunha tarde máxica servirase chocolate con churros ben quentiño. Ah, outra cousa, que ninguén rabee polo frío xa que o recinto estará calefactado.