“Ubaldoviño”, ese é o nome da receita segreda que este ano encandilou o padal do público participante na segunda ruta dos pinchos organizada polo Concello de Moeche. A votación popular elixiu esta delicia do Bar Ubaldo como ganadora dun concurso onde o seu sabor mariñeiro a peixe sapo, langostino, polbo e mexillón tivo que medirse co doutros sete petiscos de grande calidade. A entrega do diploma e do distintivo que acredita a “Ubaldoviño” como mellor pincho de 2018 farase o sábado 2 de xuño ás 19.00h. no propio establecemento. Nese momento tamén se sortearán os catro lotes de agasallos entre as papeletas que conten co selo de todo o percorrido gastronómico.

Por unha banda unha cuncha de vieira na que unha cama de pataca sostén un anaco de peixe sapo acompañado dunha cola de lagostino e prebe do mesmo crustáceo. Por outro, unha culler cerámica con mexillóns bañados en salsa cubana. E con todo iso ben presentado cun anaco de pan, o Bar Ubaldo conseguiu seducir por segundo ano os gustos do público participante no concurso “De Pincho en Pincho”. Ingredientes da máxima calidade, abundancia e unhas mans na cociña fóra de toda dúbida- foron as claves do éxito dun prato para degustar en dúas veces que ten moito do propio Ubaldo López, dono do local. “A min gústame moito a praia. Vou moito a Valdoviño e por iso este ano quixen que o pincho tivese o sabor do mar”, explica Ubaldo. Ademais, na especialidade culinaria tamén se atopan sabores da outra banda do Atlántico. “Ubaldo tivo un avó cubano e por iso a salsa cubana, feita con pemento, viño branco e outros produtos,  está moi presente na nosa cociña”, comenta Soledad Rodríguez, camareira do bar.

A receita deste bar situado en Balocos xusto ao pé da estrada de Ortigueira foi a que máis votos obtivo nunha apretada competencia de tres días -desde a tardiña do venres até o domingo ao mediodía- con outros sete establecementos da zona: o Bar Xambas, Casa Pena, a Taberna Irmandiños, Casa Toñito, Mesón O Campo, Café-Bar Marcial e Restaurante Delfino. En total foron máis dun cento as persoas que completaron todo o itinerario nese tempo, ainda que, tal e como sinala Beatriz Bascoy, “foron moitísimas máis as que puideron degustar os pinchos, posto que durante a fin de semana ese era o acompañamento que se servía de balde con cada consumición. Houbo clientela que parou nun, dous, tres ou máis locais aínda que despois non depositase a papeleta na urna. E entre quen completaron a ruta houbo diversidade de pareceres que se reflectiron tamén na votación. Os pinchos eran todos exquisitos, igual que o servizo da nosa hostalería”.

Como novidade, nesta segunda edición do concurso de pinchos o Concello puxo un autobús para poder facer parte ou a totalidade da ruta na tarde-noite do sábado. “Notábase moito a avalancha de xente cando chegaba o bus”, asegura Ubaldo. Pola súa banda, a alcaldesa destacou o éxito da convocatoria deste ano “como maneira de promocionar o bo facer dos bares e restaurantes do concello, implicados desde o primeiro momento na iniciativa”.

O Concello deu a coñecer este martes o petisco gañador a través das redes sociais debido a que ata onte mesmo non foi posible facer o reconto total de papeletas. “Houbo negocios que pecharon o luns e ata o martes pola mañá non dispuxemos de todas as urnas para contar os votos e comprobar que cumprisen o requisito de estar todos debidamente cubertos e selados”, explica a rexedora.

Aínda que o pincho ganador xa se coñece, o II Concurso “De Pincho en Pincho” aínda non pode darse por rematado. E é que aínda faltan por sortear os agasallos entre o público que fixese todo o percorrido gastronómico: un bono individual de persoa adulta para a piscina municipal válido durante a temporada 2018, un pase para todas as actividades culturais organizadas polo Concello durante o que queda de ano -entrada no Castelo, teatro, Castelo de Sons, rutas xeolóxicas, etc.- e dous lotes de produtos locais doados polos establecementos. O sorteo público efectuarase o sábado 2 de xuño a partir das 19.00h. no propio Bar Ubaldo aproveitando a entrega do diploma e do distintivo acreditativo para o establecemento. Non é obrigatorio acudir ao sorteo, posto que Concello contactará ao luns seguinte coas persoas agraciadas para comunicarlles o resultado.