Representantes da Delegación do Goberno na Coruña, a Directora da Área de Fomento, Ana Quintairos González, e o Director da Área de Industria e Enerxía, Francisco Javier Filgueira Rodríguez, achegáronse este xoves ata a Casa do Concello para manter unha reunión coa alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a concelleira de Desenvolvemento Local, Cristina García, solicitada polo Concello hai uns días. A xuntanza tivo como finalidade principal, por un lado, coñecer con detalle o estado de tramitación do conxunto de proxectos eólicos nas comarcas – nomeadamente o do Parque Eólico Moeche – para poder darlle a coñecer á veciñanza, nunha próxima reunión veciñal informativa, cales serán os seguintes pasos do procedemento tras a autorización publicada. Por outra banda, outro dos obxectivos da xuntanza foi abordar a problemática de tramitación de permisos e estado de estación e apeadeiros por parte ADIF.
En relación coa tramitación dos macroproxectos eólicos, o Parque Eólico Moeche -que afecta a tamén Ás Somozas e San Sadurniño- centrou gran parte da xuntanza trala publicación este mércores 28 da aprobación administrativa previa e de autorización de construción do proxecto no Boletín Oficial do Estado (BOE).
O Consello de Ministros aprobou a autorización administrativa previa das modificacións e autorización de construción para o Parque Eólico Moeche, tras obter no seu momento a aprobación da Xunta de Galicia para instalar o parque fóra da Area de Desenvolvemento Eólico establecida así como os informes sectoriais favorables.
Esta autorización publicarase nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e será comunicada tamén individualmente aos concellos afectados. Desde a última comunicación o Concello, dado que presentou no seu momento o recurso de alzada, poderá presentar nun prazo de dous meses o o contencioso administrativo ante o Tribunal Supremo en Madrid.
Pola súa parte, indicou a alcaldesa, “o Concello xa remitiu a nova documentación aos avogados para comezar a estudar e preparar a presentación do correspondente contencioso nas vindeiras semanas ante o Tribunal Supremo en relación co P.E. Moeche,”.O Parque Eólico Moeche foi obxecto no seu momento de máis de 800 alegacións por parte da veciñanza asi como de recurso de alzada e modificado posteriormente. No caso do Parque Eólico Badulaque, como noutros da comarca, agora cabe recurso de alzada, que Moeche presentará na próxima semana.
Francisco Filgueira, director da Área de Industria e Enerxía, ofreceu a información sobre o procedemento administrativo que seguirá a Administración estatal a partir desta autorización de construción que se lle trasladará á veciñanza nunha próxima reunión. Informou ás representantes municipais que neste momento todos os parques eólicos proxectados na comarca contan coa autorización da aprobación administrativa previa e de construción concedida pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, e non necesitarán ser aprobados por instancia superior. Só no caso do PE Moeche, a autorización exixiu ser aprobada polo Consello de Ministros, xa que a lei sectorial establece que nos casos en que exista discrepancia debe resolver o órgano superior e, no seu momento, o Concello do Moeche mostrou a súa oposición e presentou na fase anterior recurso de alzada; agora cabe presentar contencioso administrativo ante o TS en Madrid.
ADIF: autorizacións e infraetruturas
O outro tema crítico presentado desde o Concello foi a situación de bloqueos e trabas burocráticas, que están a provocar demoras significativas, e o nivel de requisitos exixidos para a obtención de permisos para obras, tanto públicas como privadas, por parte de ADIF que se tramitan nos servizos centrais de Madrid do Administrador de infraestruturas ferroviarias; asi como a solución das deficiencias da estación de Moeche e dalgúns apeadeiros.
A alcaldesa transmitiulle á directora da Área de Fomento, Ana Quintairos González, que a lentitude e excesivos prazos pon en perigo diversas subvencións concedidas pola Xunta de Galicia, que contan con prazos moi reducidos para a súa execución e o “feito incomprensible de que ADIF solicite a mesma documentación complexa para asfaltar unha pista ou camiño, para renovar unhas poucas lousas nunha vivenda próxima á vía como para construír un edificio ”. Trasladouse tamén desde o Concello a necesidade de que ADIF cumpra cos requirimentos enviados para limpeza e parcelas agrarias da súa propiedade próximas as vivendas e dote de puntos de luz a estación de Moeche.
Pola súa parte Ana Quintairos aclarou que desde a Delegación se fai o posible para que estas tramitacións se axilicen e comprometeuse a trasladar a urxencia das obras afectadas e das deficiencias trasladadas.
A alcaldesa subliñou así mesmo, que “agradecementos que fagan chegar a través da Delegación as demandas a ADIF pois necesitamos que estes procedementos se modifiquen para resolver esta problemática que afecta a todos os concellos que atravesa a antiga liña de FEVE, pero o certo é que esta situación reflicte a necesidade de que se descentralicen uns servizos que funcionan desde o total descoñecemento da realidade dos concellos galegos”.
En resposta a esta situación, o Concello de Moeche contactará nos vindeiros días co resto de concellos afectados para iniciar unha acción de conxunta que permita visibilizar a situación.
Últimos comentarios