O Concello recupera para este domingo, último do ano, a actuación de Paloma Suanzes que formaba parte do programa Castelo de Sons programado para o verán e que tivo que suspenderse daquela por razóns preventivas. A cantautora repasará o seu repertorio de composicións propias e versións de temas galegos ben coñecidos nunha sesión gratuíta que terá lugar no Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas a partir das 17.30h. O aforo é limitado, polo que fai falla reserva anticipada de entradas enviando un correo  antes do sábado a correo@moeche.gal. As localidades asignaranse por orde de petición dándolle prioridade á veciñanza de Moeche.

Debido á actual situación e á obriga de ofrecer a máxima seguridade en todos os eventos que se organicen, a capacidade do Centro de Interpretación está limitada a un máximo de 30 persoas, que deberán acceder á sala con máscara e adoptando todas as demais medidas de prevención: hixiene de mans, etiqueta respiratoria e separación interpersoal. Por este motivo prégase que a entrada se vaia facendo escalonada desde as 17.00h.

O concerto comezará media hora despois e nel desfrutaremos dun concerto íntimo dunha muller que se autodefine como “esencialmente música”, posto que arranxa, compón e interpreta bebendo das fontes do folk e a tradición, ademais de buscar inspiración para a expresión das súas emocións na poesía “de autores novos pouco coñecidos ou dos xa consagrados”.

Últimos días para visitar o castelo antes do peche para tarefas de mantemento
O concerto de Paloma Suanzes ofrecerá unha das últimas oportunidades de percorrer a o castelo neste 2020. E é que a fortaleza permanecerá pechada -como é habitual- durante os meses de xaneiro e febreiro para levar a cabo labores de mantemento nas súas instalacións.

Polo tanto, os últimos días para visitalo serán o sábado 26 e o domingo 27 en horario de 11 a 14 e de 15.30 a 19.00h. O luns 28 permanecerá pechado por descanso do persoal e as visitas retomaranse o martes 29 (de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.00) e o mércores 30, último día antes da clausura temporal, só en horario de tarde, de 16.00 a 19.00h.

O Nadal do mercado fai unha paréntese esta fin de semana
Agás no caso do concerto de Paloma Suanzes, o Concello de Moeche concentrou a actividade do Nadal e Reis na nave dos tecidos aproveitando a celebración do mercado dos sábados. Nel desenvólvense obradoiros familiares, sortéanse produtos e, ademais, pódese pasar unha mañá agradable mercando todo o necesario para estas festas.

Porén, na xornada deste sábado 26 de decembro o mercado fará “ponte” e non abrirá as súas portas até o 2 de xaneiro. Ese día tamén haberá dous obradoiros infantís dirixidos por La GuaGua -un musical e outro de “slime”- repartidos á súa vez en dúas quendas, unha ás 11.00 e outra ás 12.00h. para un máximo de 10 nenas e nenos en cada unha delas. As inscricións deberán facerse como moi tarde o xoves 30 de decembro ás 12.00h. a través do 981 404 006 ou do enderezo correo@moeche.gal.

Tamén haberá teatro para toda a familia con Lidia Botana e o seu espectáculo Feira de linguas -partir das 12.30 horas- e os Reis Magos farán unha visita rápida ao recinto a iso das 13.00h. para ver como traballan as nenas e nenos nos obradoiros e tamén para recolleren as cartas depositadas na caixa de correos colocada na nave.  Por razóns preventivas este ano non poderemos achegarnos a eles, pero si poderemos saudalos gardando a separación e sen amorearnos para recibilos e despedilos.

No mercado do 2 de xaneiro levaremos con cada compra un agasallo moi doce e, ademais, a rifa para participar no sorteo do día: unha cesta infantil, un lote de libros e un bono familiar para a temporada 2021 da piscina municipal (se non puidese abrir, o bono sería valedeiro para a temporada 2022).

Elfos e calcetíns
En paralelo coa súa programación do Nadal, o Concello tamén volve participar por cuarto ano consecutivo na campaña solidaria “Elfos e Calcetíns” para que ningún neno ou nena -e tamén familias- queden sen agasallos polo Nadal e/ou Reis. Un deses elfos deixará os seus regalos nos calcetíns de varios domicilios modestinos ao longo desta Noiteboa.