O Boletín Oficial do Estado de hoxe, 1 de maio, recolle as novas normas para darmos un (1) paseo cada día e para a práctica de actividade física non profesional. Establécense unhas franxas horarias para estas actividades pero en Moeche, como en todos os concellos de menos de 5000 habitantes, non rexerán xa que aqui o horario para estas actividades permitidas será de 06.00 a 23.00 horas. Con todo, é moi importante lembrarmos que só se está autorizando a dar paseos ou practicar actividade física cuns condicionantes e o seu estrito cumprimento é necesario para non retroceder e para o coidado de todos e todas. Será a responsabilidade individual de cada persoa a que garantirá o éxito de todas as medidas.

Actividade física e paseos entre as 06.00 h e as 23,00 h
– Desde o 2 de maio, sábado, as persoas maiores de 14 anos poden transitar polas vías e espazos públicos para a practica de actividade física e de calquera deporte non profesional que non supoña contacto con terceiras persoas, unha soa vez ao día entre as 06.00 horas e as 23.00 horas e sempre dentro do termo municipal. Se alguén necesita realizar esta actividade acompañadoa, deberá facelo cunha persoa empregada do fogar, ou a persoa que a coide habitualmente ou unha persoa con quen conviva.
-Respecto dos paseos autorízanse desde o 2 de maio para todas as persoas maiores de 14 anos, incluídas os maiores ou dependentes, tamén unha soa vez ao día, nun máximo dun (1) quilometro desde o domicilio, entre as 6,00 e as 23.00 horas, unha vez ao día e máximo dúas persoas
Os paseos poden realizarse tamén en compañía dunha soa persoa coa que se conviva ou, de ser necesario, cunha persoa empregada do fogar ou a persoa coidadora habitual.
Modifícase o horario permitido do paseo para os menores e nos concellos como Moeche, de menos de 5000 habitantes , e poden realizarse entre as 06.00 e as 23.00 horas. Lembrade que poden ir 3 menores sempre acompañados dunha soa persoa adulta, unha vez ao día e, como indicamos arriba, nun radio máximo dun quilómetro arredor do domicilio.
– Para a prácticas destas actividades deberase gardar a distancia entre persoas que non conviven de, polo menos, 2 metros.
– Só se poden realizar as actividades físicas na vía pública, espazos naturais e e zonas verdes, seguen prohibidas en instalacións deportivas pechadas e evitaranse espazos concorridos.
– A actividade física realizarase de xeito continuado, evitando paradas innecesarias nas vías ou espazos públicos.
En ningún caso se permite utilizar o vehículo ou transporte público para desprazarse coa desculpa de ir practicar deporte a outro punto do termo municipal.
– As persoas que teñan algún síntomas do COVID 19 ,ou estean en illamento ou ben en corentena domiciliaria e aquelas que residan en centros sociosanitarios de maiores, non poderán facer uso desta habilitación para paseos e actividade física en espazos ou vías públicas.

Coidar da horta e recolectar o produto.
Tamén o BOE do venres 1 de maio, avanza nas normas para permitir a realización de actividades non profesionais de coidado e recolección de produtos da horta ou coidar dos animais, sempre que non sexa unha actividade profesional ou empresarial e faino coa publicación da Orde SND/381/2020.
Autorízase o desprazamento para estas tarefas baixo as seguintes condicións:
– sempre que a horta estea situada no mesmo termo municipal onde residimos ou nun limitrofe; remata así o límite dos 5 quilómetros que establecera no seu momento a Xunta de Galicia
– esta limitación de proximidade ao termo municipal ou aos adxacentes  exceptúase en caso de que se dea unha situación de necesidade para o coidado dos animais e para o coidado da horta por razóns de subsistencia de acordo á situación socioeconómica da persoa interesada. Situación que, de ser o caso, deberá acreditarse.
– os desprazamentos serán os mínimos necesarios e deberán respectarse as normas ditadas polas autoridades sanitarias.
– o desprazamento realizarase individualmente, excepto se se acompaña a unha persoa con discapacidade, a maiores ou por causa xustificadas e polo tempo indispensable. Se ben nesta nova normativa non se recolle, convén levar nos desprazamentos algún documento que o xustifique, ben unha declaración responsable, ben algún documento en relación cos animais que se vaian atender ou coa leira que se vai traballar.

Enlaces normativa;

Paseos e actividade física

Desprazamentos para atender a horta e coidar o gado