Poñámonos en situación. Ano 1469… ou quizais 1470, as crónicas non se aclaran. O conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio e a súa esposa Beatriz de Castro achéganse a Moeche para inaugurar o seu novo castelo… que non é novo, senón o vello reconstruído como castigo polos mesmos labregos que o derrubaran uns dous anos antes no escenario bélico da segunda Revolución Irmandiña. Trala inmisericorde represión da revolta, o nobre máis poderoso da Galicia daquel entón organiza canda a súa dona -e tía- unha grande festa de reestrea da fortaleza que esperan sexa recordada por sempre. Pero nada vai saír como eles pensan… E ata aquí podemos contar para non destripar a historia  “O castelo non é para nós”, interpretada por Raquel G. Crespo e Yago Espasandín, que se representará entre os seus muros os días 15 e 29 de agosto. As entradas xa se poden ir reservando no 981 404 006 ou no correo turismo@moeche.gal. Teñen un prezo único de 5€ a xeral e de 2€ para menores de 6 anos.

O teatro ambientado na historia do castelo de Moeche é xa un clásico do verán que este ano toma como referentes ao conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio, e á súa primeira esposa, Beatriz de Castro, situándoos nunha ficticia reinauguración do edificio despois da guerra mantida polo campesiñado e a pequena fidalguía contra os abusos da nobreza terratenente, entre a que eles mesmos se contaban.

O único verídico na obra serán os nomes dos personaxes e o escenario do castelo, cuxa configuración arquitectónica actual é resultado da reconstrución promovida polo conde trala revolta. Porén, salvo isto e os datos históricos contrastados que apuntalan o libreto, “O castelo non é para nós” é unha ficción preparada a tres bandas por Raquel G. Crespo, Susana Crespo e Yago Espasandín, con asesoramento neste caso do técnico municipal de Turismo, Ramón Carballeira.

O lugar e os episodios ocorridos nel hai seis séculos son a base para armar unha peza teatral de 45 minutos na que se entretecen feitos documentados cun argumento en clave de humor, co obxectivo de que o público asistente sexa ao mesmo tempo convidado na festa inaugural dos Lemos e  testemuño das tribulacións de Don Pedro e Dona Beatriz.

“O castelo non é para nós” representarase o 15 e o 29 de agosto. Cada un deses días haberá dous pases, un ás 12.30h e outro ás 16.30h. É obrigatorio reservar entrada chamando polas mañás de luns a venres ao 981 404 006 ou enviando un correo a turismo@moeche.gal. As entradas teñen fixado un prezo xeral de 5€ -2€ menores de 6 anos- e haberá que retiralas na taquilla do castelo minutos antes de cada representación. Co billete de acceso tamén se pode aproveitar para visitar as distintas dependencias da fortaleza e o Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas.