O xoves 17, ás 20,00 horas,, sesión ordinaria do Pleno con dez puntos na orde do día.
Fóra dos asuntos de trámite como a aprobación de actas ou dar conta do informe de pagamento a provedores, os puntos máis salientables son a proposta de adhesión do Concello ao Convenio entre a Xefatura Central de Tráfico e a FEMP, a modificación da ordenanza das visitas e utilización do Castelo de Moeche, a ratificación da modificación do proxecto da cuberta do Pavillón polideportivo e a aprobación da baixa do Concello de Moeche na Asociación Euroeume.
A adhesión ao citado convenio permitiralle á veciñanza realizar algúns trámites relativos á Dirección Xeral de Tráfico no noso Concello. A modificación da ordenanza que regula as visitas ao castelo ten por obxectivo adaptarse ao establecido na Lei de patrimonio cultural. Por outro lado, a Deputación da Coruña e a Xunta de Goberno aprobaron a modificación do proxecto de substitución da cuberta do pavillón polideportivo e ratificarase no Pleno para posterior execución das obras.
Respecto á Euroeume trala aprobación en Pleno, o Concello de Moeche deixará de formar parte desta asociación. Moeche xa está integrado en Seitura 22, entidade de 22 concellos que ten os mesmos obxectivos que Euroeume respecto as liñas de axuda e fondos europeos para as tres comarcas , Ferrol, Ortegal e Eume. O pasado mes de decembro, Euroeume deixou de levar a xestión do Castelo ao facerse cargo directamente o Concello.
Manifesto institucional a favor do ensino público
O Pleno debaterá tamén a adhesión e apoio ao documento público, promoviodo polo Concello das Pontes e asinado polos alcaldes dos municipios das tres comarcas, Eume,Ortegal e Ferrol, e outros, en defensa do ensino público e contr ao peche de centros de ensino público.
Moción do Grupo municipal do BNG sobre o Plan marco de mellora de camiños rurais
A orde do día inclúe unha moción do Grupo municipal do BNG en relación coa escasa dotación deste ano do Plan marco de mellora de camiños rurais promovido pola Consellería de Medio Rural, que no ano 2017 baixa a 16 millons cando no 2016 roldaba os 20 millóns de euros. A moción do BNG denuncia o abandono no medio rural, cunha grave rebaixa económica ademais do sistema de asignación dos recursos a cada concello, que non permite presentar proxectos completos que respondan ás necesidades reais, senón que obrigan a formular “proxectos despezados, obras menores e investimentos illados que non responden a unha estratexia para desenvolver o medio rural galego”. Insta esta moción nacionalista para que a Xunta de Galicia asegure, con criterios racionais e xustos, uns “investimentos sostidos e progresivos” en colaboración cos concellos.
A ssesión plenaria finalizará coa actividade de contral dos órganos de Goberno e unha vez rematada, terán a palabra os veciños e veciñas asistentes á sesión.
Últimos comentarios