A instalación da  telefonía 4G comezou xa  hai meses no noso concello e agora está a piques de rematar unha segunda fase. Esta tecnoloxía 4G, prestada sobre a banda de frecuencias de 800 MHz, anteriormente utilizada pola Televisión Dixital Terrestre (TDT), permite ofrecer mellores prestacións sobre esta tecnoloxía, ofrecendo mellor cobertura en interiores e a maior extensión de cobertura.

A instalación obrigou a mover antes varias canles da TDT para deixarlles libre esa frecuencia ás operadoras de telefonía móbil. A liberación quedou completada en abril de 2015 e desde aquela puxéronse en marcha novas estacións capaces de ofrecer ata 150 “megas” de velocidade de conexión á Internet. Sen embargo, como xa anunciamos meses atrás, pode causar interferencias na recepción do sinal de televisión e, en consecuencia, as operadoras crearon Llega800, entidade encargada de solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión durante os seis vindeiros meses, é dicir, ata o 30 de xuño de 2019.  Esta entidade ofrece información e, de ser necesaria,  a instalación gratuíta dun dispositivo que corrixa as interferencias debidas ao 4G.

En calquera caso, se activan novas  antenas ou hai modificacións, a entidade irá ampliando o prazo; de ser así, comunicarémolo puntualmente.

De percibirmos interferencias ou deixarmos de ver algunhas ou todas as canles, deberemos contactar coa entidade a través da web www.llega800.es  ou desde o teléfono gratuíto 900 833 999 para que envíen un profesional  e que nos arranxe o problema de forma gratuíta. Na maioría dos casos abondará con poñer na antena un simple filtro de frecuencias que blinde a antena de televisión contra as interferencias do 4G.

TELEFONO GRATUITO 900 833 999
Horario: luns a sábado en horario de 9.00 a 22.00 h