A Xunta de Galicia a primeira hora da mañá de onte, e a Delegación do Goberno a última hora da tarde, difundiron cadansúa nota de prensa informando da luz verde para 88 novos parques eólicos en Galicia, 77 de tramitación estritamente autonómica (os de menos de 50 MW de potencia) e outros 6, os de máis de 50 MW, cuxa autorización é de competencia estatal. A falta de coñecer os pormenores desas autorizacións -baseadas en declaracións de incidencia ambiental favorables por parte da Xunta e do Estado-, o que se sabe nestes momentos é que na comarca en principio irían adiante os parques Badulaque, Barqueiro, Tesouro e Moeche -todos eles promovidos por ENEL Green Power (Endesa)- que dun xeito ou doutro, sobre todo o P.E. Moeche, lle afectarían ao noso concello. A noticia causa fonda preocupación no Goberno local xa que na práctica supón un paso máis no despregamento eólico masivo que se prevé na zona, pero tamén porque a tramitación se segue facendo “ás présas, con escurantismo e de costas á veciñanza e ao Concello” que, apunta Beatriz Bascoy, “aínda non recibiron resposta ás alegacións”. A rexedora solicitou de novo unha xuntanza co Delegado do Goberno para abordar a cuestión con carácter urxente. Ante a nova  situación nos primeiros días da semana que entra manterá un encontro co equipo legal que asesora ao Concello co obxectivo de ver cales son as opcións que quedan para modificar o que ela cualifica como “unha auténtica desfeita para determinadas zonas habitadas e sectores do concello e, por outro lado, totalmente contraria á declaración aprobada polo Pleno da Corporación local no seu momento”

Dos seis parques terrestres de tramitación estatal proxectados para o norte da provincia da Coruña, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico só tería desestimado “polo seu alto impacto” o P.E. Caaveiro, de 78 MW, cuxa poligonal abarcaba os concellos de Fene, Neda, Cabanas, San Sadurniño, A Capela e As Pontes. Pola contra, o ministerio si tería informado favorablemente sobre a Declaración de Incidencia Ambiental dos outros cinco, tres dos cales tocan o territorio modestino e un deles, o P.E. Moeche, que o colle de cheo.

Falamos en hipotético porque, de momento, o único que se sabe é o que publicou onte a web da Delegación do Goberno e o que lle trasladou a Xunta antonte aos medios de comunicación, posto que nas páxinas do ministerio, da Consellaría de Industria e da Consellaría de Medio Ambiente non existe información ou a que hai é incompleta ou directamente contraditoria. De feito, o único sitio cun acceso máis ou menos doado é este buscador de proxectos eólicos de tramitación estatal. Introducindo no campo de título a palabra “Moeche” saen cinco proxectos, entre eles os tres para os que onte se anunciou a luz verde ambiental.

Porén, a información que se facilita ten grandes incongruencias. Por exemplo, no caso do Parque Eólico Moeche -o de maior incidencia territorial no municipio- os datos das coordenadas de onde irán os muíños non coinciden cos dos planos dixitais que se adxuntan e que, por certo, “son imposibles de abrir a menos que se teñan amplos coñecementos de informática”, segundo aseguraba esta mañá Beatriz Bascoy.

Segundo o mapa máis recente compartido pola plataforma veciñal TEX Moeche -que pode consultarse en Google Maps– o emprazamento das máquinas mudou un chisco con respecto ao proxecto inicial, posto que desaparece o muíño que ía situado na Pena dos Corvos (San Xurxo) e tamén outro previsto en Santa Cruz, xusto enriba de Mina Piquito. Como alternativa destes cambios o plano reflicte agora a activación da posición de reserva do aeroxerador M-13, situado na zona do Ventoeiro, en Labacengos.

Beatriz Bascoy asegura que o despregamento previsto cos proxectos Badulaque, Barqueiro e Moeche “é unha auténtico despropósito  xa que aproba a instalación de muíños de 200 metros de altura que en varios puntos van situados a menos de 500 metros das vivendas, nalgún caso a escasos 300”. A alcaldesa criticou esta mañá, unha vez máis, que toda a tramitación “deste macroparque fragmentado” se está levando a cabo “ás présas, con escurantismo e de costas á veciñanza e ao Concello. Aínda non recibimos resposta ás alegacións presentadas hai meses e, mentres tanto, ninguén ofrece ningún dato  nin posibilidade de acceder a información que debería de ser pública e transparente para podermos defender os nosos dereitos, tanto os concellos como a veciñanza que o desexe”.

Por esta razón, Bascoy solicita un encontro urxente co Delegado do Goberno, José Miñones, co obxectivo de que o representante estatal “aclare en que momento estamos e facilite toda a información necesaria.  Agardamos que  sexa máis áxil na resposta que o responsable da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia e máis fructífera que a reunión mantida coa daquela directora xeral de Planificación Enerxética da Xunta de Galicia, Paula Uría, quen trasladou que os proxectos fóra de ADE non obterían o informe favorable, e finalmente non foi así”.

Unha vez superado o trámite ambiental -con informe favorable da Declaración de Impacto Ambiental tanto por parte da Xunta como do Ministerio-, os proxectos entrarían agora na quinta e última fase, correspondente á autorización administrativa previa e de construción. “Cada vez temos menos marxe de manobra”, indica a alcaldesa, engadindo que de cara á semana que vén vai reunirse co equipo de avogados que asesorou ao Concello e á veciñanzas nos primeiros tramites e alegacións  “para ver que posibilidades legais nos quedan para evitar que os muíños  se poñan onde lles pareza, sen respectar a quen habita este territorio e o seu sistema de vida, o seu patrimonio natural  ou  secfores como o agrogandeiro e o forestal”