Para saber se unha feira foi boa ou mala hai que comparala coas anteriores e ver se o xénero e os cartos cambian de mans durante a xornada. A edición do ano pasado da Feira da Faba de Moeche tivo como aliados un sol e unha temperatura espectaculares que animaron a moitísima xente a pasar pola nave dos tecidos xa desde primeiras horas. Hoxe o día gris ralentizou o trafego de persoal que, porén, viña ao que viña: dar unha volta rápida, ver a oferta, mercar, tomar un algo no bar, parolar e marchar. Se ben en 2018 se miraba e remiraba antes de sacar a carteira, neste 2019 a cousa era máis inmediata, coma se a clientela o tivese máis claro. Un “tocar e saír”, como se diría en termos futbolísticos que, no caso da feira, se traduciu en que, malia non haber tanta xente coma o ano pasado, as vendas foron practicamente as mesmas.
Había xénero de todas as variedades, aínda que cómpre reseñar as traídas polos produtores agrupados na Cooperativa Terras da Mariña e, en especial, a acollida á IXP Faba de Lourenzá. Francisco Muíño, membro da cooperativa, afanábase en explicar o mostrario do legume que tiñan no expositor “faba acollida á IXP e faba a granel galaica: tamén verdina, mandelín, tolosa ecolóxica…” ao tempo que comentaba como lles fora a mañá en canto a vendas: “non houbo queixa nas vendas, os prezos o mesmo que na Feira da faba de Lourenzá”. As súas fabas estrelas -as da indicación- vendíanas a 12 euros o quilo, prezo que resulta dunha colleita “un pelín inferior” á do ano pasado. En canto a calidades, os produtores lugueses comentaban que as fabas viñeron un chisco máis pequenas pero “todas igualiñas, con boa condición culinaria e bastante manteigosas”.
Máis saída tiveron as fabas cultivadas na comarca. Tal e como comentaba José Luis Sanjurjo -un habitual na feira e nos mercados modestinos- practicamente venderon todas as existencias dunha faba que este ano veu na nosa zona moi abundante, con bo tamaño e cunha calidade excepcional. O produtor local trouxo faba debagada e faba aínda na vaíña que, ao cabo da xornada, foi a que mellor lle resultou. “A faba sae moi ben, está saíndo toda sen debagullar, sobre todo en fresco que é o que prefire a xente”, aseguraba ao mediodía. As súas fabas eran bárbaras: brancas, limpas e de bo tamaño. Todas saídas da hectárea e media de terreo que ten en Bardaos. “O cultivo este ano foi moi ben. Así como o ano pasado tivemos menos produción e faba pequena, este ano houbo moita máis produción e moito máis gorda, unha faba moi boa e moi bonita en canto á calidade. Vendémola a 3,50 euros no bagullo e a 9 debagada en fresco”.
O contrapunto sobre a marcha do cultivo deuno Paula Patiño, da empresa de Cambre “Acastrexa”. Segundo asegurou, na Mariñas coruñesas este ano foi malo para as tomateiras e está séndoo tamén para as fabas por causa do tempo cambiante.  “Tivemos unha faba moi tardía debido ao clima” dixo a produtora diante dun posto onde se xuntaban fabas en fresco, zumes naturais de mazá coa etiqueta en braille e diversos tipos de marmeladas -a súa especialidade-, incluso marmelada de faba de ril, un produto que “está moi de moda no Xapón, morren por ela”, aseguraba Patiño. “Acastrexa” aposta por pechar o ciclo dos seus cultivos transformando case todo o que produce. “Os tempos mudan, a xente muda e cambian os hábitos de consumo. Temos potencial, temos un bo produto que non só se pode tomar nun caldo, nunha fabada ou nunha ensalada, senón que tamén hai que darlle unha oportunidade de cara a facer biscoitos, recheos, acompañar carnes e outros pratos”.
Porén, para que a faba teña saída en seco, verde ou en produtos transformados innovadores, primeiro hai que volver plantala. “Hai que recuperar a faba, que se está deixando de cultivar na nosa zona. Nós pasamos de ser os abastecedores de toda España en faba a non cultivalas. O cultivo de faba estase extinguindo en Galicia”, lamentou Paula Patiño.
A promoción da faba como produto de mesa e como posibilidade dun agro máis diversificado son dous dos obxectivos principais da feira modestina. Desde o Concello fíxose unha valoración positiva do evento “a pesar de que o tempo non axudaba moito”, tal e como comentou a titular de Desenvolvemento local, Cristina García Rey. “A medida que foi avanzando a mañá foise achegando xente e a feira estivo moi animada en canto a compras. Todo o mundo moi contento e houbo varios produtores que xa se comprometeron a vir na próxima feira e algúns  non descartan vir incluso aos mercados dos sábados”, explica a concelleira.
Garcia recalcou que a feira pon o foco sobre a recuperación dun cultivo que antano tiña moito maior peso na economía do sector primario do municipio e que hoxe pode ser un importante complemento para as explotacións que aposten pola diversificación, polo comercio de proximidade e por un produto que ten un alto valor engadido. Por outra banda, a concelleira tamén sinalou que a feira da faba -así como a do queixo e os mercados dos sábados- contribúen a dinamizar a nave dos tecidos de San Ramón, xa consolidada como referente comercial na comarca.
Alén de fabas, na feira monográfica tamén se podían atopar outros produtos de temporada, como castañas a prezos entre 2 e 4 euros -dependendo das calidades-, noces e materia prima para os cocidos que xa están empezando a saltar nas potas.
A IV Feira da Faba de Moeche rematou preto das catro da tarde deixando un excelente sabor de boca a pesar dos trebóns intermitentes. Durante a xornada servíronse arredor de 350 racións da fabada elaborada pola AVV Labacengos das que unha boa parte ían en tarrinas plásticas para xantar na casa ou comelas como primeiro prato dun menú a base de polbo e churrasco.