Os nenos e nenas levan na casa desde o venres pasado en que remataron as clases. Porén, o luns, o martes e hoxe mércores son días laborables e, nalgúns casos, as familias teñen complicado encherlles o tempo. Por esta razón o Concello organizou un campamento deportivo que combina as dúas finalidades: que a cativería o pase ben durante as mañás previas aos festivos de Semana Santa mentres se lles axuda aos papás e ás mamás a conciliar familia e traballo. A actividade contou con 15 participantes que tiveron tempo para brincar, merendar e mesmo practicar xogos e deportes que nunca antes viran de preto.

O campamento empregou como base o pavillón municipal, onde o coordinador deportivo do Concello, Daniel Feijoo, lles preparou un completo circuíto de actividades de baixa intensidade e moi entretidas, todas elas adaptadas á banda de idades comprendida entre os 3 e os 12 anos. Hóckey, hula-hoop, patinaxe, brilé…, pero tamén fomento do compañeirismo e da deportividade. O propio Feijoo explicaba esta mañá que a iniciativa “estivo enfocada máis que nada á actividade física, por medio de deportes, xogos predeportivos e tradicionais, aínda que estando de vacacións tamén tiveron un pouco de xogo libre ao final da mañá”.

De todas as cousas que fixeron nestes días, unha das que máis lles chamou a atención aos nenos e nenas foi o tiro con arco. E é que este martes recibiron a visita do Club Sílex das Pontes, que lles fixo unha exhibición deste deporte. “Eran profesionais. Ensináronnos as frechas e o arco e tamén nos deixaron tirar”, comentou emocionado un dos pequenos. Outra proposta especialmente exitosa foi o brilé. Un xogo tradicional que sempre triunfa pola combinación de rivalidade, actividade física e habilidade. “A min o que máis me gustou foi o brilé”, aseguraba outra nena, “sobre todo pola competición”.

Xunto co exercicio e o entretemento, o técnico municipal destaca tamén o valor social do Campamento Deportivo organizado polo Concello: “estes tres días que non son festivos axudámoslles ás familias a conciliar a vida familiar e laboral. E tamén aproveitamos que, ao facer mal tempo e en vez que estean xogando sós na casa, os nenos e nenas teñan aquí un espazo común no que se xuntar, poder socializar e moverse máis”.

Nas actividades dos últimos tres días participaron un total de 15 pequenas e pequenos, cubríndose así a totalidade das prazas ofertadas pola Concellaría de Cultura, Deportes, Mocidade e Normalización lingüística. O desenvolvemento desta proposta lúdica e de conciliación contou ademais con apoio da Deputación da Coruña.