O Concello finalizou hai escasos días as obras de mellora da accesibilidade na área recreativa de Souto Grande, consistentes no acondicionamento da entrada principal e dos espazos anexos á piscina e os vestiarios -incluído o enlace co ambigú-, así como a instalación no vaso dunha cadeira elevadora hidráulica para persoas con mobilidade reducida.  Ambas actuacións están cofinanciadas con axudas autonómicas e supoñen un investimento de 60.000 euros.

A obra de maior importe -finalmente preto de 54.000 euros, incluída a redacción do proxecto- centrouse na comunicación desde o portalón do recinto cos equipamentos interiores, por medio dun novo pavimento de formigón que ofreza unha superficie uniforme, máis duradeira e sen barreiras construtivas. “Cando definimos o proxecto pensamos nas persoas que se moven con dificultade e que veñen á piscina ou gozar da área recreativa, pero a mellora vana notar todas as usuarias e usuarios de Souto Grande”, explica Beatriz Bascoy.

A obra foille adxudicada ao construtor Jorge Seijo, quen finalizou hai tan só uns días a intervención. O Concello obtivo unha axuda autonómica de 42.569 euros coa que se cubrirá o 80% do investimento total, mentres que o consistorio achegará con fondos propios a cantidade restante.

Ademais, o Concello tamén acadou unha segunda subvención de 4.800 euros para instalar un elevador hidráulico que facilitará o acceso ao vaso de todas aquelas persoas que por calquera motivo non poidan utilizar as escadas laterais. O aparello, dotado cun asento especial, funciona coa presión da auga da propia piscina e está deseñado para que as usuarias e usuarios que o precisen poidan entrar ou saír da auga sen axuda.  Este útimo investimento tamén contará cunha contribución de 1.200 euros de fondos municipais.

De acordo coas bases das convocatorias de axuda, tanto a obra de accesibilidade como a instalación do elevador poderían repartirse nos exercicios 2023 e 2024. Porén, o Goberno local optou por axilizar ambos proxectos para que se executasen case de maneira simultánea, deixándoo todo listo case sete meses antes do inicio da temporada estival.