A Concellaría de Cultura fainos dúas propostas de lecer ben interesantes para esta fin de semana. A primeira delas é o obradoiro “Tecendo soños”, orientado a nais e pais con crianzas recén nacidas ou con meniñas e meniños pequenos. O sábado pola mañá a partir das 11.30h. aprenderán na biblioteca municipal cancións de berce tradicionais mesturadas con xogos de estimulación sensorial pensados para favorecer o desenvolvemento dos bebés.  O domingo toca cine de tarde -máis ben de serán- na Nave do Mercado, onde se proxectará a partir das 20.30h. o filme “María Solinha”, dirixido por Ignacio Vilar. O pase é gratuíto e, ademais, o director virá a Moeche presentar a obra e manter un coloquio co público ao seu remate. Para ambas citas, a do sábado e a do domingo, fai falla inscrición previa a través do 981 404 006 ext.2 ou en correo@moeche.gal. 

O programa Ler Conta Moito é unha iniciativa da Rede de Bibliotecas públicas de Galicia que ofrece unha chea de espectáculos de animación á lectura, todos eles de pequeno formato e dirixidos maiormente a público infantil, familiar e centros de ensino. A biblioteca municipal acollerá durante o mes de outubro tres destas propostas, que comezan este mesmo sábado na biblioteca municipal con “Tecendo soños”.

Trátase dun obradoiro para bebés conducido por Esperanza Mara Filgueira Rama no que mostrará arrolos tradicionais recollidos en distintos puntos da zona da Barbanza, que despois se transformaron en novas cancións e poesías. Na sesión, malia gardar a separación interpersoal, tamén se verán  distintos xogos de estimulación sensorial orientados tanto ao desenvolvemento psicomotriz das crianzas como a incrementar máis aínda se cabe a conexión existente entre nais/pais e criaturas.

O encontro comezará ás 11.30h. e fai falla reservar sitio no 981 404 006 ou en correo@moeche.gal, xa que as prazas están limitadas por razóns de espazo e tamén da propia dinámica do obradoiro. As seguintes citas do Ler Conta Moito en Moeche teñen tamén aberto o tempo de reserva: o venres 16 de outubro -18.00h.- descubriremos as “Cantigas das operarias das conserveiras galegas do século XIX” e o venres 23 o alumnado do CEIP San Ramón fará unha chea de experimentos espectaculares con Xesús Fernández Alonso e o seu “Museo científico”.

“María Solinha” na Nave do Mercado
A outra proposta da “finde” é ir pasar unha tarde de cine galego á antiga nave dos tecidos, en San Ramón. A partir das 20.30h. proxectarase de balde a película “María Solinha”, inspirada na historia/lenda desta acaudalada viúva da vila mariñeira de Cangas do Morrazo que acabaría encadeada pola Inquisición acusada de bruxaría. Torturada ata arrincarlle unha confesión, descoñécese cal foi a data da súa morte, aínda que si se sabe que faleceu en mans do Santo Oficio despois do tormento e de ser desprovista de todas as súas posesións. De feito parece ser que ese foi, e non outro, o verdadeiro motivo das acusacións orquestradas pola Igrexa e a nobreza daquel momento.

A memoria de María Soliña (ou Soliño) perviviu malia o paso do tempo e hoxe é todo un símbolo de resistencia e empoderamento feminino. O filme dirixido por Ignacio Vilar recupera a súa figura xuntando pasado e presente tomando como punto de partida a montaxe dunha obra de teatro e os pulsos que lle chegan desde o pasado a unha das súas protagonistas. A película chega a Moeche coa colaboración da Deputación da Coruña e será o propio director quen faga unha pequena introdución para logo, trala proxección, participar nun coloquio co público.

Tamén neste caso fai falla reservar entrada no 981 404 006 ou en correo@moeche.gal. Desde o departamento de Cultura lémbrase a obriga de usar máscara, cumprir coa hixiene de mans e respectar a separación interpersoal.