Representantes municipais de Moeche, San Sadurniño e Narón reuníronse hoxe coa xefa territorial de Mobilidade sen acadar solucións firmes por parte da Xunta, cinxíndose a un compromiso de analizar a problemática trasladada polas familias e os concellos hai tempo e a proposta detallada polos concellos de aproveitamento e adaptación da liñas regulares de transporte.
Representantes dos gobernos de Moeche, San Sadurniño e Narón reuníronse esta mañá na Coruña coa xefa territorial da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, Judit Fontela, para tentar arrancar un compromiso por parte da Xunta de darlle solución ao transporte do alumnado de Bacharelato que acode ao IES Fernando Esquío de Neda, así como a outros centros de ensinanzas postobrigatorias de Narón e Ferrol. O encontro non supuxo grandes avances con respecto á situación “provisional” que se vén mantendo desde o ano pasado, a pesar das distintas peticións dos concellos e das familias dalgunha opción axeitada para a rapazada, que nalgúns casos debe percorrer 13 quilómetros para coller un bus compartido co alumnado do ensino obrigatorio.
Máis alá de solicitar de novo unha solución e unha reunión -xa demandada o pasado curso-, no escrito remitido hai uns días pola alcaldesa de Moeche, en nome dos tres concellos, á Xefatura Territorial de Mobilidade da Xunta de Galicia, incidíase na existencia de liñas regulares de transporte que de adaptaren os horarios darían resposta ás necesidades actuais mais urxentes.
Os responsables municipais de San Sadurniño, Moeche e Narón acudiron á xuntanza -solicitada a semana pasada pola alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy – demandando unha combinación de transporte “de mínimos” consistente en axustar os horarios da liña Burela-Ferrol de primeira hora da mañá que pasa pola AC862, atravesando Moeche, San Sadurniño e Doso, ademais de ampliar o transporte que sae desde Bouzarredonda para que comece na Pena da Meda, en Igrexafeita, e que veña vindo abaixo recollendo todo o alumnado. No caso da primeira liña, a que atravesa a AC862 , sinalou a alcadesa, “sería necesario que no canto de chegar ás 9.00 h a Ferrol o fixese de acordo ao horario escolar establecido”
No último caso aínda habería outra opción máis: adiantar a saída do bus Vilalba-Ferrol e que esta liña regular faga o percorrido pola estrada vella das Pontes -onde están as paradas- en vez de ir pola AG-64. Deste modo, ademais de solventar unha parte importante do transporte ao IES Fernando Esquío de Neda -o de referencia para o alumnado de Bacharelato de Moeche, San Sadurniño e Doso-, tamén se lle estaría dándo unha solución a aquelas mozas e mozos da zona que estudan ciclos formativos -ou Bacharelato- noutros centros de ensino de Narón ou Ferrol “e cuxo transporte se está facendo nun microbús pagado polas súas familias”.
Os concellos insistiron, así mesmo na urxente necesidade de que aos futuros encontros, que deben manterse o maís axiña posible, asista tamén un representante da Consellería de Educación xa que, segundo indicou a alcaldesa, “Educación coñece o número aproximado de posibles alumnos e alumnas de bacharelato e ciclos formativos nos seguintes anos para, deste xeito, facer unha planificación das necesidades reais e, por outra parte, é Educación quen establece cal é o centro de referencia do CPI San Sadurniño , polo tanto, debe garantir que a nosa rapazada conta con transporte axeitado para achegarse a estudar ao dito centro ou , de ser o caso, a Ferrol ou Narón”
Segundo comentou a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, tras a reunión “ na Xefatura aínda non analizaran a proposta detallada dos concellos da necesidade de adaptar os horarios esas liñas regulares de transporte xa existentes e se ben se comprometeron a facelo, lamentablemente o problema persiste ás portas do novo curso e xa fora demandada a solución o pasado curso. Cómpre ter en conta que Educación non dá solución para a rapazada do ensino non obrigatorio e as liñas regulares de Mobilidade cos horarios actuais non son útiles nin para os horarios académicos nin para os laborais na nosa comarca” .
A Xefatura Territorial da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade comprometeuse a revisar as posibles combinacións e horarios, máis non asegurou aínda que vaia haber modificacións . A consellaría propón tamén como alternativa que os concellos asuman os custes· o que, en palabras da alcaldesa, “vén significar que de novo se vai abrindo a porta para trasladar o custo dunha competencia autonómica aos concellos, como xa acontece co Servizo de Axuda no Fogar ou outros servizos, nunha progresiva carga ás arcas municipais asumindo gastos e responsabilidades que corresponden a outras Administracións, neste caso , á Xunta de Galicia.”
O transporte para o alumnado de Moeche, San Sadurniño e Doso segue na mesma situación que hai un ano, cando se adoptou como medida “provisional” que utilizasen o autobús da ESO con destino ao IES Fernando Esquío de Neda. Unha solución que non cobre as necesidades do resto do estudantado, e que, ademais, lle supón un importante esforzo ás familias das zonas máis afastadas -nalgúns casos ata 13 quilómetros-, que se vén na obriga de levar as mozas e mozos até Bouzarredonda ou directamente ao instituto.
Os tres concellos afectados -San Sadurniño, Moeche e Narón- insistiron na reunión en que “a mocidade das zonas rurais debe ter as mesmas opcións de mobilidade que a das cidades e áreas metropolitanas. Non é cuestión de se se trata de ensino obrigatorio ou non, senón de xustiza social, de igualdade de dereitos, en definitiva, que vivir no rural non supoña unha discriminacion”
Últimos comentarios