A alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa Moeche, Roberto González Lamigueiro,  asinaron o pasado mércores o acordo de colaboración para o desenvolvemento das actividades e obrigas propias da súa participación cun equipo na Liga de 2ª Rexional da Federación Galega de Fútbol durante o ano 2018.

Por segundo ano tivo lugar na Casa do Concello, a sinatura  dun convenio  de colaboración entre o Concello e a A.C.D.R. Moeche, nun acto no que a alcaldesa e o presidente da entidade  estiveron acompañados pola concelleira de Deportes, Iria Couce Rego. Este  acordo súmase  aos que o Concello establece desde non hai moito tempo con outras entidades singulares como a ANPA do CEIP San Ramón e a Escudería Moeche ou, xa de máis antigo, coa Asociación Ecuestre 23 de abril e a A.C. Irmandiños de Moeche.

O Convenio establece unha achega municipal de 1.200 euros para os gastos organizativos, pero tamén a axuda por parte do Concello para facilitar o uso do denominado campo de fútbol de San Xoán e as súas instalacións para o desenvolvemento da participación na citada liga, a subministración de material (fertilizantes e similares) do mantemento do campo de xogo así como o aboamento dos gastos de luz e auga das instalacións.

Pola súa banda a A.C.R.D. Moeche asume, entre outras, a obriga de realizar as labores de mantemento do campo de xogo, excepto do céspede, da limpeza das instalacións utilizadas e o seu exterior, de inserir o logo oficial do Concello de Moeche en toda a publicidade e anuncios da participación da A.C.D.R. Moeche na citada competición federada, asi como o compromiso de que a publicidade, anuncios e calquera outro elemento deste tipo, oral ou escrito derivado deste convenio deberá ser emitido ou redactado en lingua galega.

O pagamento da axuda farase efectiva nun primeiro aboamento da metade do importe da axuda (600,00 euros) tras a sinatura do presente convenio. O importe restante aboarase tras a xustificación da realización das actividades comprendidas no presente convenio por parte da ascociación. Esta xustificación debe realizarse antes do 30 de novembro de 2018.