A Casa do Concello acolleu este sábado a sinatura do acordo de colaboración entre a entidade e o Concello para levar adiante a feira cabalar que se desenvolverá o martes no recinto feiral.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy,  e o presidente da Asociación ecuestre 23 de Abril, Alejandro Aneiros Martínez, rubricaron un documento, aprobado en sesión de Xunta de Goberno, que establece unha achega municipal de 6.000 euros para os gastos organizativos, pero tamén a axuda por parte do Concello no referido a equipamentos e na coordinación de seguridade así como os custes da presenza das ambulancias. Pola súa banda, a asociación asumirá, entre outros cometidos, a preparación do recinto, o seguro de responsabilidade civil e todos os aspectos relacionados co desenvolvemento das actividades do evento.

O control das probas -cronometraxes, xulgamentos, entrega de trofeos, etc.- e dos animais inscritos, así como a xestión de como se distribuirán os postos que acoden a este evento do mundo equino, e non ao resto de feiras mensuais que teñen lugar en Moeche, correrán por conta da Asociación ecuestre 23 de Abril. Ademais, segundo o convenio, a entidade deberá librar o espazo ao remate do evento.

A Administración local subministra os valados de protección cos que se acordonará a zona das probas e se dividirá a pista, insire a tradicional publicidade en medios, encárgase de preparar o espazo antes do 23 e xestiona a axuda das agrupacións de Protección Civil da comarca e das forzas de seguridade. Representantes da entidade, do Concello, da Garda Civil, de Protección Civil e da empresa encargada de elaborar o plan de prevención reuníronse xa hai 15 días na casa consistorial para ultimar os detalles do dispositivo de seguridade. O Concello de Moeche conta para a organización coa colaboración dos concellos das Pontes, Ferrol, San Sadurniño, Narón, Neda, Valdoviño e Mugardos así como da empresa Navantia.

Milleiros de persoas visitarán Moeche na feira do Cabalo,

A data do San Xurxo está sinalada no calendario como festivo local, día de feira do 23 e día da tradicional feira equina á que acoden ducias de cabaleiros e cabaleiras de toda a volta para participaren nas probas de andadura galega e trote ou para lucir diante de milleiros de persoas a beleza das súas monturas.

Repártense máis de 5.000 euros en premios para os xinetes e amazonas que demostren máis pericia na andadura chapeada, andadura aserrada e trote, divididas en tres apartados para animais de menos e máis de 1,5 m de altura á cruz.

As inscricións nas distintas probas deberán facerse no palco do evento antes das 10.00h. e cumprirá levar o animal canda a súa documentación oficial para facer as medicións pertinentes. As bases estipulan, entre outras cuestións, a obriga de usar cascos regulamentarios para poder participar nas probas e a descalificación inmediata no caso de que haxa indicios de maltrato animal. Ademais, tanto a organización como as forzas de seguridade poderán expulsar a calquera participante que estea facendo un uso inadecuado da pista ou se se considera que pon en risco a seguridade da proba, que se desenvolverá nun circuíto debidamente valado e restrinxido á entrada do público.

Desde o Concello agradécese a implicación de todos estes equipos para que todo transcorra sen incidencias, ao tempo que se lle pide a máxima colaboración á veciñanza, visitantes e participantes co obxectivo de que o 23 de Abril volva ser o que é sempre, un éxito.

Lémbrase que os residentes na Rúa da Feira -que estará cortada desde a véspera- deberán pasar polo Concello para recoller os pases de acceso. Desde o serán do luns 22 até a noitiña do martes 23 tamén se cortará o tráfico no tramo de estrada entre Pensos Pazo e a capela de San Ramón, xa que é nesa zona onde se sitúa o circuíto e onde se concentra a maior actividade