Volve o Slálom Concello de Moeche ás rúas de San Ramón da man da Escudería Moeche. Conta coa colaboración económica e loxística do Concello de Moeche, plasmada nun convenio de colaboración asinado na Casa do Concello pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da Asociación Automobilística Moeche, Moisés García. A cita co motor organizada pola Escudería Moeche (Asociación Automobilística Moeche) desenvolverase durante toda a xornada deste sábado 19 de xullo . A proba puntuará, como acontece desde hai uns anos, para o campionato galego da especialidade e conta cun elevado número de participantes, 72 inscritos. O centro de San Ramón e o entorno do recinto feiral permanecerán cortados á circulación desde as 18:00h do venres 18 ata o domingo 20 ás 12:00h. O público así como as persoas residentes terán á súa disposición espazo de estacionamento en zonas próximas ao evento.
Convenio municipal
Para o desenvolvemento do X Slálom Concello de Moeche a entidade organizadora conta coa colaboración do Concello mediante un convenio que foi asinado esta mañá pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da Escudería Moeche, Moisés García, acompañados por Modesto José López Romero e Elías Mera Lois, membros da Xunta Directiva da Asociación Automobilística Moeche.
O Convenio implica unha achega de tres mi euros -3000 euros- , dos que 1.500 euros se ingresarán despois da súa sinatura e os 1.500 euros restantes unha vez que a escudería presente a xustificación dos gastos efectuados.
Xunto coa colaboración económica tamén se estipula que a Administración local facilitará 200 valos metálicos, colaborará na adquisición de trofeos, a presenza e gastos de Protección Civil, porá a disposición do evento espazos como a Nave do Mercado e o recibidor da Casa Consistorial. A Escudería Moeche tamén contará con apoio de persoal municipal para os preparativos e xunto cunha cisterna e un vehículo motobomba.
A parte que lle corresponde á entidade refírese á organización deportiva: cronometraxes, verificacións técnicas dos vehículos, a subscrición da póliza de seguros da proba, a asistencia de ambulancias, a retirada e volta ao seu sitio dos colectores do lixo e outro mobiliario urbano que haxa que mover para deixar libre o circuíto e tamén achegar persoal para delimitalo cos valos metálicos.
O acordo sinala tamén aspectos administrativos, entre eles a obriga de xustificar a axuda económica concedida antes do 30 de novembro deste ano.
Na mañá do martes 15 de xullo tivo lugar no Concello de Moeche a presentación oficial do X Slálom Concello de Moeche, cuarta proba puntuable para o Campionato Galego de Slálom 2025.Na presentación oficial estiveron presentes Beatriz Bascoy Maceiras, alcaldesa de Moeche; Moisés García Fernández, presidente da Escudería Moeche; así como David Saavedra, Juan José Sueiras, Modesto López e Sergio Fernández, membros da directiva da Escudería Moeche.
Esta nova edición, como indican desde a entidade organizadora , presenta algunhas novidades, entre as que destaca unha pequena modificación no trazado. Esta variación manterá a esencia do percorrido tradicional, conservando tamén a espectacular grada natural situada ao carón do concello, desde a que o público poderá seguir o paso dos vehículos con total seguridade.
A xornada comezará cedo, ás 8 da mañá, con comprobacións e diferentes trámites, para dar paso ás mangas de adestramentos, que terán lugar durante a mañá; as mangas oficiais desenvolveranse ao longo de toda tarde . Do resultado destas últimas sairán os gañadores nas diferentes categorías.
Nesta edición, ademais da habitual clasificación xeral e das diferentes agrupacións, entregaranse trofeos especiais para:
• 1º, 2º e 3º Feminino
• 1º, 2º e 3º Históricos
• 1º, 2º e 3º Veteráns
• 1º, 2º e 3º Escudería Moeche
• 1º, 2º e 3º BMW
• 1º, 2º e 3º Copa Debutantes
A zona acoutada para a proba e as áreas de aparcadoiro poderán consultarse nun documento descargable desde a web da Escudería Moeche.No documento tamén figura a imaxe satelital das rúas do centro urbano que permanecerán cortadas desde as 18:00h do venres ata as 12:00h do domingo. As persoas residentes terán espazo reservado fronte ao estanco para deixaren alí os seus coches, desde onde poden saír cara á estrada de Ortigueira ou Cristo do Rañal.
A Asociación Automobilística Moeche conta coa colaboración de varias firmas comerciais de dentro e fóra do municipio e cun amplo grupo de persoas voluntarias que levan meses traballando parao éxito da proba.
Desde o Concello animamos a asistir a este evento o próximo sábado 19 de xuño para gozar dunha proba deportiva emocionante avalada por anos de éxito e boa organización da Escudería Moeche.








Últimos comentarios