Nova fin de semana chea de actividades no noso Concello: o sábado á noitiña ao pé do río, logo dunha agradable xornada na area recreativa de Soutogrande gozando da piscina , cine ao aire libre, co filme Pérez 2, o ratiño dos teus soños” . E o domingo 15 se queremos pasar o día en Moeche, podemos pola mañá apuntarnos ás rutas xeolóxicas, logo gozar da rica gastronomía que ofrecen os establecementos de hostalaría  de Moeche, e rematarmos a tarde no  Castelo xa que volven as visitas teatralizadas ,  cunha “reinauguración” a cargo do conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio e a súa esposa Beatriz de Castro,   con pases pola mañá e pola tarde.

Sábado 14 de agosto, 21.30h

Cine ao aire libre: “Pérez 2, o ratiño dos teus soños”

Área recreativa de Soutogrande

Volve o cine ao aire libre na área recreativa de Soutogrande coa película familiar “Pérez 2, o ratiño dos teus soños”. Segunda entrega das aventuras de Pérez que, nesta ocasión, están protagonizadas por Lucas, un neno de oito anos que quere saber como fai o rato para cambiar dentes por moedas sen que ninguén o vexa. O filme proxéctase en Moeche dentro da programación da Rede Cultural financiada pola Deputación da Coruña.

As entradas poden reservarse no 981 404 006 ou en correo@moeche.gal.

Sábado 14 de agosto,

Mercado de Moeche, recinto feiral, 10.00 a 14.00 h

Con todas as restricións pero un bo plan é vir o sábado ata o mercado de Moeche, alí atoparedes o mellor produto local, fresco, variado e de calidade.

Pan, empanadas, doces, verdura, queixo fresco ou requeixo, tés, especias, flores e prantas, complementos, produtos eco, veganos,  E a peixería do mercado co peixe e marisco  fresco coma sempre. 

Domingo 15 de agosto,

Visitas teatralizadas no Castelo, ás 12.30 h e 16.30 h

A obra representarase ás 12.30 e ás 16.30h no patio de armas da fortaleza

Pedro Álvarez de Osorio e Beatriz de Castro “reinauguran” o castelo de Moeche este domingo. O teatro ambientado na historia do castelo de Moeche é xa un clásico do verán que este ano toma como referentes ao conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio, e á súa primeira esposa, Beatriz de Castro, situándoos nunha ficticia reinauguración do edificio despois da guerra mantida polo campesiñado e a pequena fidalguía contra os abusos da nobreza terratenente, entre a que eles mesmos se contaban.
O lugar e os episodios ocorridos nel hai seis séculos son a base para armar unha peza teatral de 45 minutos na que se entretecen feitos documentados cun argumento en clave de humor, co obxectivo de que o público asistente sexa ao mesmo tempo convidado na festa inaugural dos Lemos e  testemuño das tribulacións de Don Pedro e Dona Beatriz.

As entradas teñen un prezo xeral de 5€ -2€ menores de 6 anos- e haberá que reservalas no 981 404 006 ou no correo turismo@moeche.gal. Co billete de acceso tamén se pode aproveitar para visitar as distintas dependencias da fortaleza e o Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas

Domingo 15 de agosto, 10.00 a 11.50h

Xeorruta por Mina Piquito

Santa Cruz (Punto de encontro diante do Concello de Moeche)

As xeorrutas deste verán organizadas polo Concello de Moeche dentro das accións de dinamización do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal métennos de novo, literalmente, no interior da Terra cunha visita ás galerías de Mina Piquito, en Santa Cruz, explotadas ata finais dos anos 60 para a extracción de cobre. A mina é un dos espeleotemas máis espectaculares do noroeste peninsular, caracterizado polas estalactitas e estalagmitas de ferro, xofre e cobre que enchen de cor os restos da actividade extractiva.

A ruta estará encabezada polo xeólogo Fran Canosa, quen conducirá o itinerario subterráneo en dous grupos, un entre as 10 e as 11.50h e outro de 12.10 a 14.00h. Só hai prazas dispoñibles na primeira quenda, que cumprirá reservar a través deste formulario en liña. A xeorruta está limitada a un máximo de 10 persoas por grupo (maiores de 11 anos) e ten un custe de 10€ que inclúe o seguro de accidentes. O pagamento hai que facelo, como moi tarde, con 48 horas de antelación (no formulario indícase o número de conta).