A nave do Mercado de Moeche acollerá este sábado 15 de outubro unha nova edición da Feira das Fabas, a cita coa que se pretende darlle novo pulo a un cultivo tradicional vido a menos que noutro tempo foi importante complemento económico para moitas familias e que hoxe pode volver ser unha opción ben interesante, quer en fresco, en seco ou como produto elaborado. A VI Feira das Fabas de Moeche arrancará ás 10:00h con moita cantidade e variedade para mercar -a pesar do clima adverso que tiveron as plantacións este ano- combinada con outra oferta alimentaria, de artesanía e tamén de actividades paralelas que se prolongarán até a tardiña, entre elas a degustación de fabada a prezos populares que servirá a AVV de Labacengos. No recinto está todo practicamente listo e só se agarda que o único aspecto que non depende da organización, o tempo, respecte a feira… aínda que a chuvia, de tan necesaria, tamén se agradecería.
A feira xuntará no mesmo espazo a oferta habitual dos mercados dos sábados con outros produtos de temporada, principalmente as fabas que achegarán os postos da comarca e tamén da zona da Mariña luguesa. Confirmaron asistencia Fabas Sanjurjo, A Castrexa, Terras de Lourenzá e expositores con chacinas, pan e empanadas, froita, peixe… e tamén artesanía, coiro e madeira. Con cada compra que fagamos entraremos no sorteo de lotes de produtos, un ás 13:30h e outro a iso das 17:30 ou 17:45h, preto xa da clausura da feira.
Durante a xornada tamén haberá unha degustación de conservas e zumes do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, como maneira de seguir dando a coñecer as posibilidades que brinda este novo espazo colaborativo.
En canto á oferta de actividade paralela, o Concello preparou un programa que atende a todas as idades. Pensando na cativería, ás 11:30h abrirá o circuíto de educación viaria e, se chovese, a rapazada terá propostas alternativas no interior da nave do Mercado. De feito, ás 12:30h organízase para a xente miúda un concurso de busca do tesouro no que poderán inscribirse ata minutos antes do seu comezo.
A esa hora, as 12:30, comezarán a servirse a fabada que preparará, un ano máis, a Asociación Veciñal de Labacengos. Como ocorreu en anteriores ocasións, ninguén quedará con fame xa que as racións son ben completas. O prezo mantense en 3€, aínda que por un pouco máis tamén se poderá levar para a casa máis cantidade nun recipiente plástico facilitado pola entidade.
Cómpre recordar, ademais, que se se quere complementar a dieta tamén estará aberta a nave do polbo con saborosas táboas de cefalópodo e/ou churrasco. A aínda hai unha alternativa máis para xantar: acudir a algún dos restaurantes e casas de comidas de Moeche, para o que se aconsella reservar antes.
Programación de tarde
Aínda que a feira é unha cita non-stop, o Concello dividiu a programación paralela en actividades de mañá e de tarde. Así, a partir das 16:00h desenvolverase o concurso de debagado de fabas que premiará a quen saque do bagullo máis fabas en menos tempo. Hai categoría infantil e para persoas adultas e, ademais dos premios, tamén entrarán no sorteo de dúas cestas que se rifarán ao final da tarde, coincidindo coa extracción da papeleta ganadora do segundo lote de produto.
Ao remate do concurso, sobre as 16:30h, comezará o espectáculo de clown e escapismo “A Vida tola”. Trátase dun show para toda a familia cheo de números abraiantes e, sobre todo, de humor.
No tramo final da VI Feira das Fabas, que coincide no Día Internacional das Mulleres Rurais, o Concello tamén convida a todas as mulleres e nenas de Moeche a formar parte da fotografía de grupo “As mulleres do rural” que se sacará diante da nave do Mercado ás 17:30h.
Últimos comentarios