A VIII Carreira popular concello de Moeche terá lugar mañá, 10 de xuño, a partir das 18.00 en San Ramón e arredores cun total de 214 persoas inscritas. As probas para a rapazada terán os seus percorridos, coma o ano pasado, dentro da zona do recinto feiral e as rúas principais do centro urbano; a proba absoluta, de 6,7 quilómetros de trazado, chegará até a Casabranca e á Corveira .
Pechadas xa as inscricións, un total de 214 persoas participarán na VIII Carreira popular Concello de Moeche. O evento organízase en cinco carreiras distintas, entre as 18:00 que sae a primeira e as 19:00 que comezará a derradeira. Son probas adaptadas a todas as idades, desde os 75 m. para a categoría dePituf@s,isto é, os nenos e nenas máis pequenas, ata os 6,7 Km. da proba absoluta, correspondente ás categorías Senior e Veteráns A e B. A saída e chegada para todas as probas estará situada no tramo paralelo á nave do Mercado
Dará comezo ás 18.00 h coa saída das participantes da categoría de Pitufos -rapazada nada en 2017, 2018 ou 2019-, que deberán percorrer 75 metros en paralelo á Nave do Mercado. Dez minutos despois sairán as persoas participantes en Prebenxamíns femininos e masculinos -anos 2015 e 2016-, neste caso sobre unha distancia de 200 metros. A da categoría Benxamín -anos 2013 e 2014- arrancará a continuación para percorrer medio quilómetro de distancia por parte do centro urbano.
Ao remate destas primeiras probas, daráselle a saída ás probas Alevín, Infantil e Cadetes. A categoría de menor idade (anos 2011 e 2012) completará un circuíto de 1.000 metros, o mesmo que a Infantil (2009-2010), mentres que as rapazas e rapaces cadetes (nados de 2005 a 2008) terán que darlle dúas voltas a ese trazado -2 Km.- antes de cruzar a meta.
A carreira absoluta ten estimado o seu comezo ás 19:00h e comprende as categorías Veterán B -1972 e anos anteriores-, Veterán A -de 1982 a 1973- e Senior, con participantes femininas e masculinos nacidos entre os anos 1983 e 2004. A distancia a percorrer nesta proba é de seán 6.700 metros, cun amplo circuíto que discorrerá por San Ramón e chegará até a Casabranca por un lado e ata o lugar da Corveira polo outro. O trazado é case todo asfaltado, con algúns tramos de terra e herba.
O Concello contará con persoal de voluntariado do movemento asociativo e de Protección Civil para colaborar na organización e no dispositivo de tráfico, que obrigará a cortar a circulación entre as 17.45 e as 20.30h. Antes desa hora poderá accederse aos aparcamentos da estrada provincial DP4901(San Ramón- Cristo de Rañal) e do centro urbano, aínda que se recomenda deixar os coches fóra do circuíto, é dicir, na estrada da Feira e ao longo da Avenida 23 de Abril. No recinto feiral estará prohibido aparcar.
Esta actividade desenvólvese, como o conxunto de eventos deportivos, coa finalidade promover o deporte e un estilo de vida saudable. Non haberá premios en metálico, pero si trofeos e queixo de Moeche para quen chegue antes á meta en cada categoría, agás nas probas das nenas e nenos máis pequeniños, que levarán todos cadansúa medalla.
A organización da VIII Carreira popular Concello de Moeche conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Protección Civil dos Concellos de Neda, Miño e Valdoviño, Lácteos Moeche, Bar Tenda Toñito, Supermercado O Cruce, A Tenda de Iria, Supermercado A Tendiña Moeche e a Clínica de fisioterapia Fisioche-Ben, ademais da axuda de diversas entidades asociativas como Club de Montaña, A.VV de Labacengos, AVCR Val de Moeche, A.C. Irmandiños, Escudería Moeche e a Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal.
Corte da circulación
A circulación, conforme ao plan de tráfico, estará cortada entre as 17:45 e as 20.30 h. Haberá persoal voluntario en cada cruzamento, coa finalidade de facilitarlles o percorrido ás corredoras e corredores e evitar que poida entrar no circuíto algún vehículo.
As zonas afectadas polos cortes son o interior do recinto feiral, Cristo do Rañal desde preto do campo de fútbol até a capela de San Ramón -tamén parte da estrada paralela-, os tramos máis próximos ao centro urbano da estrada da Feira e da Avenida 23 de Abril e o eixo que une a Corveira coa estrada que baixa a San Xoán.
Desde o Concello solicítase que se utilicen como estacionamentos as beiravías das rúas municipais que conectan coa estrada de Ortigueira -diante do CEIP San Ramón e a Avenida e 23 de abril- e con antelación tamén se poderá aproveitar para deixar o coche nunha das marxes da estrada provincial DP 4901(San Ramón- Cristo do Rañal). Lémbrase que non se poderá aparcar dentro do recinto feiral de San Ramón.
Últimos comentarios