A música será a protagonista da segunda sesión do programa Castelo de Sons que terá lugar na sala de usos múltiples da fortaleza este sábado a partir das 19.30h. Virá como convidado o trío Tres Pesos para presentar o seu primeiro traballo, titulado “Acta fundacional”. José Antonio Ferreira, Felisa Segade e Estevo Lamas fan música de raíz actualizada e concentrada nun disco que supón unha verdadeira acta fundacional da formación. Tres Pesos é un proxecto que botou  a andar tralo paso dos seus compoñentes por outras agrupacións do país, sempre vencelladas á música e á cultura tradicional.

O programa Castelo de Sons ten dous obxectivos principais:  ampliar a oferta cultural do concello con espectáculos alternativos e promover o castelo de Moeche como espazo vinculado ao lecer, a creación e o coñecemento máis aló do seu valor patrimonial.

A semana pasada puidemos asistir a unha interesante charla sobre a evolución do estandarte Real galego e, de cara a este sábado, o programa tórnase musical con Tres Pesos e a presentación en Moeche dun disco gravado nos estudios da Radio Galega en 2014. “Acta fundacional” é, segundo o grupo, un traballo que condensa “a esencia do que son Tres Pesos”  a través de nove temas de  “música de raíz, música de hoxe”.

As entradas do concerto teñen un prezo xeral de 2€. A rapazada menor de 16 anos, as persoas maiores de 65 e as titulares do Carné Xove só terán que pagar 1€.

Os billetes poden collerse directamente no castelo, aínda que ao ser o aforo limitado se recomenda retiralos por semana pasando polo Concello ou reservalos chamando en horario de mañá de luns a venres ao 981 404 006. A seguinte cita do Castelo de Sons está programada para o 15 de decembro cun concerto de Xoán Curiel acompañado de Iris Gey.

En negro contra as violencias
A programación cultural do Castelo de Sons cadra no día en que o Concello celebra os actos simbólicos con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller. Así, o sábado ás 12.00h. lerase o manifesto institucional na nave do mercado, con participación de representantes das entidades municipais e do Consello local da Infancia e a Adolescencia.

Os postos do mercado entregarán durante toda a mañá material da campaña #ennegrocontraasviolencias, da que Moeche forma parte xunto con outro cento de concellos galegos. Á iniciativa tamén se suma o comercio local, a hostalaría e o alumnado do CEIP San Ramón.