Ata as 23.59h. deste martes 18 de agosto mantense aberto o prazo de presentación de ofertas técnicas e económicas para levar a cabo a reparación integral das bancadas e dos vestiarios do campo de fútbol municipal. Os pregos poden descargarse da Plataforma de Contratación do Estado e a licitación parte dun orzamento base que  ascende a 115.845,24 euros, ive incluído. A estrutura leva clausurada por motivos de seguridade desde 2017 e agora, unha vez se adxudique o contrato, amañarase a estrutura, construiranse novas fileiras de asentos e instalarase unha cuberta soportada por unha estrutura metálica máis lixeira e resistente ao paso do tempo. As obras financiaranse nun 83% cos fondos provinciais, mentres que o 17% restante irá por conta do Concello.

As instalacións deportivas non se reconstruirán por completo, pero case. No proxecto técnico recóllense todos os problemas de partida -filtracións, defectos estruturais que ameazaban derrubamento, etc.- e as solucións máis axeitadas ás necesidades de uso e ás dispoñibilidades económicas para executar a obra.

De acordo con esta filosofía deseñáronse unha serie de actuacións que pasan, en primeiro lugar, por botar abaixo a cuberta de formigón existente. Logo sanearanse as cimentacións e reporanse as zapatas que o precisen acometendo, ademais, un reforzo de toda a base da edificación. Sobre dela instalaranse novas bancadas prefabricadas en formigón armado que irán debidamente seladas para evitar as filtracións aos vestiarios. A lonxitude total pasará dos 30 aos 20 metros, co que a superficie  para público gorecido quedará nuns 120 metros cadrados, sobre os que se distribuirán 135 asentos individuais.

Para a parte da cuberta optouse por un deseño que combina trabes e piares metálicos que arrancan da parte traseira do edificio. Os soportes principais irán ancorados na estrutura e reforzados con tirantes en cruz. O ramo da obra será a colocación dun teito lixeiro en panel sándwich e o recebado e pintado de todas as paredes, ademais da instalación de varandas de seguridade na parte frontal e nas escaleiras de acceso, que agora irán nun lateral.

Ese é a grandes trazos o resume da actuación que se levará a cabo no campo de fútbol, orzamentada en cerca de 116.000 euros. Para asumir esta previsión económica máxima o Concello acolleuse o ano pasado á segunda fase do POS+ Adicional, que achegou algo máis de 97.300 euros, mentres que o consistorio reservou outros 18.500 euros. Desta maneira a obra financiarase nun 83% con axuda provincial e nun 17% con fondos propios, aínda que cabe agardar que o prezo final da obra sexa lixeiramente inferior en virtude da baixa económica que poida propoñer a adxudicataria.

As empresas do sector que queiran concorrer ao contrato teñen até as 23.59h. do vindeiro martes para rexistraren a documentación coas súas ofertas.