O Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade, acollerá este sábado 5 de febreiro a partir das 17:30h unha charla ben interesante na que se explicará como funciona o mercado eléctrico e cales son as alternativas que temos como consumidoras e consumidores para aforrar na factura da luz nun momento cos prezos máis altos da historia. Varios colectivos do territorio xuntáronse para organizar esta ponencia que será impartida por Xosé Manuel Golpe Acuña, experto na materia e técnico da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC). Este organismo dependente da Deputación ten como función o asesoramento a concellos e particulares en todo o relacionado co aforro enerxético, ademais de informar sobre distintas modalidades tarifarias e liñas de axuda para conseguir que o noso fogar sexa máis eficiente ou incluso case autosuficiente.

A charla promóvena as asociacións veciñais de Labacengos e Val de Moeche, a AC Irmandiños, a Escudería Moeche, Ventos Moeche Outeiro, a ANPA do CEIP San Ramón, o Concello e o colectivo Tex Moeche, que nos últimos meses levou a cabo -igual que os outros- un intenso labor informativo ao respecto dos proxectos eólicos que pretenden implantarse no noso municipio e no resto da comarca.

Esta última cuestión, a dos muíños, seguramente se trate tamén na xornada deste sábado en Abade, aínda que o principal cometido da charla será o de ofrecer unha visión xeral sobre como funciona o mercado eléctrico estatal -ademais de ver cal é o papel que representa Galicia nese contexto- e explicar a que se deben as constantes subidas da luz dos últimos anos, disparadas desde 2021.

O experto da FAEPAC centrará boa parte da súa exposición nos novos períodos tarifarios que se aplican desde mediados do ano pasado e de que maneira debemos adaptar a eles os nosos hábitos para que os consumos non incrementen aínda máis o que xa estamos pagando.

Neste sentido -e en previsión de que a factura eléctrica dos fogares siga aumentando- existen distintas opcións para aforrar, que pasan por implantar medidas de eficiencia nas casas (bo illamento en fiestras e paredes, sistemas de calefacción máis aforradores a medio e longo prazo, etc.) para as que existen múltiples liñas de axuda, pero tamén por explorar as opción do autoconsumo ou a da creación de comunidades enerxéticas, que veñen sendo agrupacións veciñais para compartir infraestruturas e gastos ou incluso para montar pequenos equipamentos de xeración eléctrica baseados en fontes limpas coma a solar, a hidráulica ou a eólica.

Estas e outras cuestións abordaranse no encontro do sábado, aberto a todas as persoas interesadas en saber que facer para pagar menos pola luz e a aquelas que, ademais, queiran saber que outras posibilidades hai para ter a menor dependencia posible das grandes eléctricas.