Os sete concellos –Cariño, Cedeira, Cerdido,Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño- e a Deputación da Coruña crearán unha comunidade intermunicipal.  A Deputación da Coruña, a través da área de Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico dirixida polo deputado nacionalista Xosé Regueira,  achegará 500.000,00€ para impulsar o proxecto co obxectivo de presentar a candidatura á Unesco, co obrigado paso previo do recoñecemento por parte do Comité Español de Xeoparques

Os concellos someterán nos vindeiros días a aprobación dos seus respectivos Plenos o Convenio de coa Deputación da Coruña para regular o proxecto Xeoparque de cabo Ortegal.  Comprométense todos eles, xunto coa Deputación da Coruña,  co Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, un proxecto no que xa levan dous anos traballando para poñer unhas bases firmes de partida, e crean unha comunidade intermunicipal.

Conscientes da necesidade de afondar nos espazos de cooperación intermunicipal sen que iso signifique maiores gastos nin compromisos económicos, e coa necesidade de garantir a eficiencia, calidade e sustentabilidade das actividades e servizos públicos,  os concellos de  Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, levarán nos próximos días aos seus  respectivos plenos a aprobación dun convenio coa Deputación da Coruña para crear unha comunidade intermunicipal que permita a xestión conxunta do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal.

A Comunidade intermunicipal que se crea ten como primeira misión, entre outras, a redacción do plan director e o desenvolvemento das actividades. A xestión compartida do Xeoparque estará impulsada e dirixida por un órgano colexiado, o  Consello de dirección,  que estará composto  por representantes de cada unha das corporacións partícipes, sendo un deles a Alcaldía ou concelleira/o no que delegue e dous representantes da Deputación Provincial da Coruña.

Proxecto Xeoparque  Cabo Ortegal

Un xeoparque é un territorio que aposta por unha estratexia de desenvolvemento sostible baseandose  nos seus valores naturais e culturais. O Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal xorde, pois, coa idea de poñer en práctica esa estratexia nos sete concellos, poñendo en valor o medio natural, especialmente o medio xeolóxico, pero tamen a cultura e a economía propia.

O complexo de Cabo Ortegal abrangue 630 quilómetros cadrados de superficie dos concellos  de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, e neles sitúanse ata  52 lugares de interese xeolóxico e cinco sitios de relevancia internacional,  inventariados nun documento elaborado polo xeólogo Francisco Canosa.

A relevancia  xeolóxica de  todos estes lugares de interese xeolóxico vén dada  por encontrarse neles formacións únicas ou case  imposibles de ver en ningún outro lugar del mundo: praias de area vermella, praias de area negra como a de Teixidelo, única no planeta  de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciares e rochas que habitualmente están a máis de 70 quilómetros de profundidade  e que nestes concellos poden observarse a simple vista. Moeche, como outros concellos coñecedores desta riqueza e da importancia de poñelos en valor cara a consecución da categoría de Xeoparque,  leva dous anos  impulsando actividades e rutas en torno aos lugares de interese xeolóxico en colaboración co xeólogo Francisco Canosa.