Acabamos de recibir a comunicación do acordo de UNICEF España de Renovar o Recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia ao Concello de Moeche, no marco da Convocatoria de Recoñecementos 2023. Hai cinco anos, en novembro de 2018, a alcaldesa, Beatriz Bascoy, recollía en Oviedo o diploma de nomeamento de Moeche como Concello Amigo da Infancia, como recoñecemento a un traballo colectivo iniciado en 2016. Agora recibimos a renovación por catro anos máis, un premio,  mais tamén unha responsabilidade, a de seguirmos avanzando na participación de nenas e nenos, de darlles voz.

Esta renovación é a consideración e o  recoñecemento, como recolle o comunicado recibido,  ao compromiso do Goberno local no cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, pero, sobre todo, así o entendemos,  é  poñer en valor a todas as nenas e nenos que se sumaron ao Grupo de Participación Infantil e Adolescente ao longo destes anos, e un recoñecemento a  todos  aos membros do CLIA; ás persoas representantes do movemento asociativo, que non dubidaron en colaborar cando a rapazada o solicitou, e aos membros da comunidade educativa do CEIP San Ramón, ao persoal técnico que se implicou, con especial recoñecemento á técnica municipal, Raquel Novo, e a técnica, Tania Merelas, que acompaña á rapazada en cada xuntanza mensual de traballo.

Actualmente o CLIA conta cun Grupo de Participación Infantil e Adolescencia de 20 rapaces e rapazas, e antes deles houbo outros menores que participaron desde o comezo  (como mostra a imaxe), a eles e elas, hoxe xa mozos e mozas, o noso agradecemento por dar o paso nos primeiros anos. Parabéns a todos e todas elas.

Ser recoñecido como Concello Amigo da Infancia implica para un Goberno local compartir unha mesma visión, así como realizar accións encamiñadas a que todo neno, nena e adolescente poida gozar plenamente dos seus dereitos, contar con espazos reais de participación, desenvolverse plenamente no seu entorno máis próximo, nos concellos y comunidades e, en definitiva, vivir nun entorno onde poida ser nena ou neno ou adolescente, porque o progreso da infancia é o progreso de todos e todas. Contarmos con este recoñecemento é un investimento na infancia cun impacto positivo a curto, medio e longo plazo, xa que non só transforma a realidade da infancia, senón tamén a de toda a sociedade.

Proximamente, o equipo de Cidades Amigas da Infancia do Comité Autonómico de Unicef, contactará coa Alcaldía para facilitar todos os detalles sobre a sinatura do convenio que regulará os compromisos das partes pola Renovación do Recoñecemento.