A rapazada de Moeche pode durmir tranquila o que lle resta de vacacións. Para elas e eles acabouse o estado de ansiedade que precede á noite do 5 de xaneiro. Escusan rabear máis: falar cos Reis Magos, o choio máis importante do ano, é algo que xa teñen feito e agora só lles queda agardar a que chegue o domingo pola mañá para ver se foron cumpridores. E seguro que o serán. Baltasar, Melchor e Gaspar andan xa pola comarca. O día de máis traballo terano o sábado, pero nesta fresca tarde de xoves xa adiantaron parte del recibindo á cativería de Moeche, pero tamén de San Sadurniño, Cerdido e doutros lados. Chegaron sobre as sete, tal e como estaba previsto, sementando mancheas de caramelos e bos desexos, recollidos coa mesma ilusión por pequenos e grandes. E é que nestes tempos de voces que poñen en dúbida a vixencia da monarquía, non hai ninguén que ouse cuestionar ás Súas Máxicas Maxestades do Oriente. Nin tampouco hai “papanueles” nin apalpadores que poidan con eles.

Os tres reis viñeron “a pelo”, como adoita dicirse, xa que entraron a pé e sen axuda de paxes polo portalón do mercado. Tampouco lles facía falla moita corte, xa que hoxe viñan de tranquis falar coa rapazada, corroborar que o seu comportamento fose bo durante todo 2018 e recoller peticións e cartas de última hora.

Esa é a vantaxe principal da festa de Reis que organizan a ANPA do CEIP San Ramón e mailo Concello: Melchor, Gaspar e Baltasar non andan con présas, escoitan sen apuros e falan cos nenos e nenas do que haxa que falar e durante o tempo que faga falta. Non hai que agardar apretados durante horas para velos pasar uns segundos enriba dunha carroza entre pedradas de caramelos. Aquí son próximos, cercanos, “campechanos” coma aquel que, segundo a lenda urbana, socorría condutores cunha roda picada. Máis aínda, na recepción de Moeche fixeron gala desa sinxeleza e bonhomía pacienciosa que os caracteriza, sinal inequívoco de que estes, os que pasaron hoxe pola nave do mercado, eran os Reis de verdade, non señores disfrazados que cheiran ao tabaco.

Polos seus colos foron pasando as nenas e nenos para recordarlles que cousas queren ter na casa o domingo pola mañá. Xoguetes en case todos os casos, que se ían enumerando con certo nerviosismo e caras abraiadas. E non importa que os Magos non trouxesen paxes nin libreta para apuntar. Eles acórdanse de todo, que para iso son máxicos. Ademais, por se algún neno ou nena queda con dúbidas sobre a súa capacidade de retención, aínda terán oportunidade de volver velos o sábado noutros lados.

A recepción real en Moeche rematou pasadas as oito da tarde e con ela unha festa que comezou pouco despois das cinco na que houbo hinchables, obradoiros de maquillaxe, animación musical con La GuaGua e un riquísimo chocolate con churros.