Este xoves 21 de maio entra en vigor a orde ministerial que fai obrigatorio o uso de mascarillas en espazos públicos ao aire libre e en recintos pechados con atención ao público, como é o caso -por exemplo- de establecementos comerciais ou das propias oficinas do Concello. A medida será de aplicación para todas as persoas maiores de 6 anos e, segundo publicou hoxe o BOE, recoméndase que a rapazada de 3 a 5 anos tamén as leve postas. A orde indica que se poderá utilizar “calquera tipo de máscara”, aínda que preferentemente deberán ser cirúrxicas ou hixiénicas, como as que repartíu e aínda está repartindo o Concello. De feito, o consistorio distribuiu desde practicamente o inicio da crise preto de 450 cubrebocas lavables de tamaño adulto e máis de 150 con distintos talles infantís.

O Concello de Moeche  segue ofrecendo mascarillas hixiénicas de tea -lavables e con filtro- producidas polas asociacións do municipio e por varias veciñas colaboradoras. Entregáronse nos meses de marzo e abril con axuda das propias entidades facéndollas chegar a todas as persoas que o solicitaron no Concello e a quen as pediron dirixíndose ás asociacións. Ademais tamén se mantivo un contacto permanente co Centro de Saúde e coa farmacia local para ofrecérllelas, de ser indicado,  directamente a persoas dos colectivos considerados de risco.

Ata o momento facilitáronse 450 máscaras -xunto coas súas instrucións de uso- que poden lavarse a altas temperaturas para seren reutilizadas.   Tamén se distribuiron máis de 150 mascaras infantís entre a rapazada de Moeche. Nese caso entregáronse dúas por menor, con diferentes talles e acompañadas tamén dunha mascara cirúrxica para cada neno ou nena.

Alén das máscaras solidarias, o pasado mes de abril o Concello encargou 1.000 mascarillas cirúrxicas -recibidas o pasado 4 de maio- que, xunto coas enviadas pola Deputación da Coruña e  pola Xunta de Galicia, permiten ter cubertas as necesidades do persoal de Servizos e do SAF. Este lote permitiría, ademais, atender posibles peticións da poboación ou dos negocios locais que poidan ter un desabastecemento puntual.

De uso obrigatorio desde este xoves
A orde publicada esta mañá no Boletín Oficial do Estado, que entrará en vigor este xoves 20 de maio, obriga a usar “calquera tipo de máscara” -preferentemente hixiénicas ou cirúrxicas- “na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de alomenos dous metros”.

Será de aplicación a todas as persoas maiores de 6 anos -e recomendable de 3 a 5 anos- a menos que se dea algunha das seguintes circunstancias:

  • Ter algún tipo de dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso da máscara.
  • Que o seu uso resulte contraindicado por motivos de saúde debidamente xustificados, ou que por unha situación de discapacidade ou dependencia ese uso supoña unha alteración da conduta da persoa que deba levala.
  • Que resulte incompatible co desenvolvemento de certas actividades pola súa propia natureza
  • Que se dea unha causa “de forza maior ou de necesidade” para non levala posta.

Debe terse en conta que as autoridades sanitarias seguen insistindo en que as dúas principais medidas preventivas son a separación de alomenos dous metros, a hixiene frecuente das mans, evitar tocar os ollos, o nariz e a boca e o costume de esbirrar ou tusir contra panos desbotables ou contra o interior do cóbado.